InicioCulturaPor San Xoán, becerro ao espeto na Piringalla

Por San Xoán, becerro ao espeto na Piringalla

Como é tradición, repartiranse 3.500 racións nesta festa gastronómica para potenciar este produto autóctono e dinamizar a zona norte da cidade

PUBLICADA O

- Advertisement -

A XVIII Festa do Becerro ao Espeto celebrarase coma é tradición na noite de San Xoán. Na presentación desta feira, que comezará ás 21.15 horas na Praza Frai Xosé Gómez, estiveron presentes o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, a alcaldesa da cidade, Lara Méndez, e os presidentes da Asociación San Isidro da Piringalla, Ricardo Varela, da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa, Jesús Vázquez, e da Asociación de Criadores de Vacún de Raza Rubia Galega (ACRUGA), César Dorado.

Este gran evento do barrio da Piringalla terá o seu epicentro este sábado 23 de xuño na Praza Frai Xosé Gómez, entre a rúa Santo Graal e Mar Cantábrico. Deputación e Concello apoian esta cita, que contribúe a dinamizar o municipio, potenciando, por un lado, un produto autóctono, e por outro, fomentando a economía da zona norte da cidade, ao tempo que se fortalecen os espazos de convivencia.

No acto, ao que asistiron unha vintena de veciños e veciñas da zona, Campos apuntou que “é un pracer colaborar dende a Deputación con esta cita gastronómica, totalmente consolidada. Facémolo cunha achega económica de 3.000 euros, dentro da liña de promoción do sector primario e dos produtos autóctonos, o que nos converte na principal administración colaboradora con esta cita gastronómica”.  Neste senso, o presidente da autoridade provincial recoñeceu o “enorme labor” das asociacións organizadoras “que dan mostra do bo facer dos lucenses”.

A alcaldesa de Lugo agradeceulle ao movemento asociativo organizativo e, polo tanto, ao colectivo veciñal, “o maior potencial do municipio”, o seu traballo, tanto por levar a cabo un ano máis esta festa, como por implicarse en facer cidade e en dinamizar Lugo. Así mesmo, Méndez animou á cidadanía a achegarse á Piringalla con esta cita que pon en valor o sector primario, “que temos que empezar a velo como oportunidade e como alternativa de crecemento”, tal e como subliñou a rexedora.

César Dorado amosou a súa satisfacción de doar un becerro ao pobo de Lugo para gozar desta festa, tan consolidada no calendario lugués. Pola súa banda, Jesús Vázquez agradeceu a colaboración da Deputación, do Concello e de ACRUGA que fan posible desenvolver esta feira, que agarda reunir este ano a unhas 8.000 persoas.


3.500 racións, música e unha fogueira

Na XVIII Festa do Becerro ao Espeto, tal e como explicou Ricardo Varela, repartiranse 3.500 racións de dous becerros de raza autóctona (tenreira rubia galega) entre todas as persoas que se acheguen a Frai Xosé Gómez. Esta degustación gratuíta da mellor carne de Galicia tamén irá acompañada con pementos e pan, e de beber, cervexa, viño e refrescos. Para os máis cativos e cativas os organizadores ofrecerán pizza. Ademais haberá unha verbena a cargo do Grupo Bumerang e unha fogueira de San Xoán, a partir das 12 da noite. Para quentar motores, dende as 20:30 horas, actuará o grupo folk Xesta Verde. Tamén haberá un sorteo dun total de 350 euros.   

ÚLTIMAS

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos depois

Amancio Prada volve a Lugo 16 anos despois do seu último concerto nesta cidade....

Piden a absolución dun mozo de Vilalba acusado de violar á súa ex parella menor de idade

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolleu este martes a celebración do...

Denuncian unha agresión a unha menor durante unha manifestación en Lugo por levar unha bandeira saharauí

Comunidade Saharauí en Galiza presentou unha denuncia pola agresión sufrida por unha menor saharui durante unha...

Unha certificación turística permitirá protexer o ceo nocturno dos Ancares

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu este luns na Casa do Concello...