Máis dun centenar de persoas concentráronse na tarde deste mércores fronte aos xulgados de Lugo para expresar o seu apoio á xuíza Pilar de Lara, sancionada polo Consello Xeral do Poder Xudicial a sete meses e un día de suspensión e á perda de destino por dilacións indebidas nos procesos que leva.
A protesta foi convocada pola Plataforma contra a Impunidade da Carioca, a operación contra redes de prostitución en Lugo. A mobilización tamén contou co apoio da Plataforma Feminista de Lugo.
Dúas grandes pancartas presidían o acto que protestaba contra a sanción, aínda non firme, imposta á xuíza Pilar de Lara. Nunha podía lerse “Lugo, patrimonio da Impunidade” e na outra, “Contra a corrupción, en defensa da Xustiza”.
Algúns dos concentrados tamén portaban pancartas de agradecemento cara á maxistrada. Á protesta sumáronse dous dos familiares dos dous asasinados no coñecido como dobre crime do Cash Marca, que case 25 anos despois continúa pendente de resolución.
Os promotores da protesta quixeron deixar claro que “non” teñen relación con Pilar de Lara e que non se puxeron en contacto con ela. Unha das portavoces da Plataforma contra a Impunidade da Carioca asegurou que a sanción “é unha deriva de todo un proceso que foi de acoso contra o proceso xudicial que houbo ao redor de Carioca”.
“Para nós é moi grave que aparten á xuíza, din que por dilacións nos procesos en cambio nós cremos que este cambio dilatará moito máis os tempos do proceso que queda por diante”, presaxiou.
Así as cousas, avanzan que levarán a cabo novas mobilizacións se a sanción é finalmente firme. “Levamos xa varias mobilizacións en relación á operación Carioca pola inacción da Fiscalía. A nosa idea é seguir mobilizándonos ata que non vexamos que se fai xustiza”, insistiu.
“Hai unha relación clara, unha desigualdade de poder entre unhas vítimas que son mulleres, estranxeiras, prostituídas e grupos de poder que cometeron diferentes delitos e abusos, e non se está facendo xustiza e nós seguiremos mobilizándonos ata que se faga”, aseverou a portavoz da plataforma.