Dotando aos cativos das cualidades coas que mudarán en emprendedores

Líbolis, recoñecida con varios premios nacionais, é unha escola que desenvolve aptitudes fóra do currículo educativo e asociadas co emprendemento

Noemí Bellas é a creadora de Líbolis, a escola de emprendemento para nenos | Óscar Bernárdez
Noemí Bellas é a creadora de Líbolis, a escola de emprendemento para nenos | Óscar Bernárdez

“Emprender non é só unha empresa”. Soe acontecer que o gran inimigo da innovación está na percepción do potencial cliente, na distancia entre a idea preconcebida e a que tenta trasladar quen aposta por novos negocios. Noemí Bellas enfronta as contradicións propias de Líbolis, unha escola de emprendemento para cativos, na que o obxectivo final non é o empresarial, senón o desenvolvemento de habilidades a través dun mecanismo diferente.

Noemí foi a encargada de abrir a Mesa Talento en Feminino que organizou a Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo. Ao contrario que Mónica Pérez, creadora de Triesfera, e Maruxa García, socia fundadora de Tastelab, o seu percorrido baseouse unicamente na opción de emprender. Este espírito disruptor reflíctese en Líbolis, que ofrece actividades extraescolares e campamentos para nenos.

Tres anos de probas

Na Mesa Talento en Feminino

Antes de lanzarse a abrir unha escola dende cero, Bellas fixo por detectar nas entrevistas de traballo os coñecementos e aptitudes demandadas. Son moitos os casos nos que o mercado laboral demanda competencias que non dá o sistema educativo. Sobre este plantexamento, pasou tres anos probando os límites do plan de negocio, collendo coñecemento de todas as persoas coas que entrou en contacto, divulgando sen medo á copia. “O que importa é a xestión da idea”.

Recoñece que emprender “é un proceso duro, na vida persoal, nas fins de semana”, advertindo de que “montar unha empresa non é un xogo, nin é unha solución inmediata ao paro”. Con 24 anos lanzouse a cambiar a realidade “dun mundo de homes de 50”, consciente de que “as cousas hai que probalas, porque o papel soporta todo; o consumidor dirá si ou non”.

Shock cultural

Noemí Bellas e Mónica Pérez

Un dos principais retos foi afrontar o que denominou shock cultural, a diferenza entre o que ofrecen en Líbolis e o que a xente pensa que ofrecen. “Non son nenos empresarios”. A intención destas actividades é lograr que as crianzas poidan aprender a actuar na vida “nunha etapa na que non teñen medo”. Así, “non aprenden cousas que poderían aprender nunha mañá, e que lles podería contar un avogado; aprenden a facer grandes cousas”.

O de facer grandes cousas é a expresión dun dos cativos que pasou por Líbolis. A grandes rasgos, na escola participan rapaces duns sete anos que afrontan casos reais da industria, como tentar solucionar as ringleiras nos supermercados a través de demostradores tecnolóxicos. “Crean e traballan porque séntense responsables de facelo ben”, conta Noemí, enfatizando que o principal é o proceso. 

Metodoloxía infravalorada

En Galicia non hai nada semellante a Líbolis, sita na Coruña. A competencia son os campamentos de fútbol, de robótica, “e pais e nais que queren mandar a catro campamentos polo mínimo prezo” para salvar problemas de conciliación, economía familiar ou simplemente “asoballar aos nenos”. As actividades que ofrece, acotío infravaloradas, contribúen a fixar as habilidades antes que a información. O éxito da fórmula foi tal que “comezaron a vir empresarios e emprendedores, mudou nun show televisivo e fixemos colaboracións”.

Líbolis aspira a desenvolver as habilidades dos nenos facendo algo divertido, tarefa na que acumula varios premios nacionais. Bellas tivo que loitar por convencer aos centros educativos de que o profesorado non está preparado nesta cuestión. Aliás, esta iniciativa emprendedora conta con outra vía de financiación: as campañas para empresas, con “outras canles, produtos escalables”. Ademais da escola, Líbolis é unha consultora para eventos, accións e contidos audiovisuais, achegando valores vencellados á creatividade e o emprendemento. “O cliente ten que ver o valor e ten que poder asumir o prezo; na era do inmediato, as cousas levan o seu tempo”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here