Lugo presume do edificio de oficinas con mellor sostibilidade de España

Sito nas Gándaras, o Centro de Innovación de Norvento está desconectado da rede eléctrica e xera toda a enerxía que consome

O Centro de Innovación de Norvento, no polígono das Gándaras | Con G de Ganadores - Gain
O Centro de Innovación de Norvento, no polígono das Gándaras | Con G de Ganadores - Gain

Toda unha declaración de intencións. As oficinas de Norvento, en Lugo, están desconectadas da rede e producen a electricidade necesaria a partir de fontes renovables. A sede da empresa, sita no polígono industrial das Gándaras, aproveita enerxía fotovoltaica, biomasa, xeotermia e un aeroxerador conectadas a un sistema de baterías para demostrar as capacidades destas tecnoloxías.

A Axencia Galega de Innovación seleccionou o edificio de oficinas de Norvento coma exemplo de éxito para o Design For Innovation, un proxecto comunitario que procura maior competitividade nas pemes a través do deseño. O Centro de Innovación da compañía (CIne) acadou a mellor puntuación de sostibilidade en España do avaliador BREAAM, situando o complexo entre os mellores do mundo.

“O autoconsumo é posible, sabémolo todos, pero isto vai moito máis alá do que adoita entenderse por el”. Así de contundente mostrouse o director comercial de Norvento, Manuel Pinilla, para o blog ganadores.gal. “É unha mensaxe cara a fóra, de que é posible ir moi lonxe coa tecnoloxía existente, e que nós temos acceso e control sobre ela”.

Pinilla agradeceu a distinción da Axencia Galega de Innovación e valorou moi positivamente a experiencia dentro do programa europeo. “Foi unha satisfacción, polo recoñecemento ao esforzo por integrar deseño e innovación, e enriqueceunos grazas aos eventos nos que participamos”.

Un sistema enerxético completo

Con G de Ganadores – Gain

O CIne abrangue unha superficie de 4.000 metros cadrados nas Gándaras, entre a zona de oficinas e a adicada a procesos industriais. O director comercial explica que a decisión de erixir un edificio autónomo chegou coa madurez da empresa, fundada polo actual presidente Pablo Fernández Castro en 1981, para inicialmente asumir tarefas de consultoría enerxética e enxeñaría.

“O proxecto en si durou seis anos, pero o sistema enerxético engloba o coñecemento e as capacidades acumuladas de moitos máis; aplicamos todo o aprendido durante varias décadas”. Norvento decidiu encargarse do apartado enerxético das instalacións, en colaboración con Francisco Mangado e o seu equipo. “Aprendemos que nos complentabamos perfectamente, e que podemos dar a outros arquitectos cousas semellantes nos seus proxectos”.

Construído arredor dun sistema enerxético completo, a escala, o CIne ten unha produción diversificada para evitar depender de fontes variables. O mix de xeración foi crítico no proxecto, para asegurar que o subministro sería fiable e económico, o que requeriu de modelos de análise e simulacións complexas. De media, o 60 por cento da electricidade ten orixe fotovoltaica, sendo o 35 por cento eólica e o 5 por cento a partir de aceite vexetal.

As microrredes térmica e eléctrica dispoñen dun sistema de acumuladores e baterías para almacenar a enerxía e equilibrar xeración e demanda. “Facemos seguimento de todo o que ocorre en tempo real cos mesmos parámetros que nun centro de control dunha gran rede”, para o que, explica Pinilla, axúdanse de intelixencia artificial para prever o comportamento.

Un modelo para a liña de negocio

Con G de Ganadores - Gain
Con G de Ganadores – Gain

Así as cousas, a autonomía enerxética plena necesita de medidas de eficiencia enerxética. As oficinas de Norvento contan con solucións pasivas para aproveitar a luz natural e reutilizar as augas pluviais. O CIne evita a emisión á atmosfera de 160 toneladas de gases contaminantes cada ano.

As placas solares cobren o aparcadoiro, onde hai instalados cinco puntos de recarga para coches eléctricos. O aeroxerador nED100, de fabricación propia, produce ata 400 megavatios (MW) anuais mercé a óptimización para seguir operando con ventos fortes. O chan de climatización radiante abastécese de dúas bombas de xeotermia, cunha unidade de coxeración auxiliar.

En Norvento consideran que hai espazo para esta tecnoloxía en fogares e complexos industriais das mesmas características, mercado no que se introduciu coa liña de negocios Edificios Enerxía Cero. “O CIne é extrapolable, aínda que non necesariamente acudindo a un modelo de plena desconexión […]. O futuro próximo traeranos novas necesidades, algunhas ambientais, outras de uso asociadas, por exemplo, ao vehículo eléctrico”.

Norvento iniciou un ambicioso plan de expansión en 2008 que levou a empresa a Reino Unido, Italia, Polonia, Estados Unidos, Brasil e Chile. A firma lucense desenvolve, fabrica e vende sistemas de xeración renovable, coma é o caso do devandito nED100, de gran resposta para autoabastecemento de pequenas industrias e explotacións agrogandeiras. “Gústanos dar pasos de forma natural, cando estamos preparados”.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here