Lugo liderará o modelo produtivo da madeira cun edificio pioneiro

O edificio Impulso Verde inaugura o camiño cara un esquema de economía circular que aproveita as potencialidades na madeira da provincia de Lugo

O Impulso Verde será o primeiro edificio público con estrutura integramente de madeira galega
O Impulso Verde será o primeiro edificio público con estrutura integramente de madeira galega

A transmisión de coñecemento dende a universidade depende en gran medida do pulo da administración pública. Poucas veces este modelo acada o alto nivel de satisfacción que amosan as partes implicadas no Impulso Verde, o primeiro edificio de titularidade pública que será construído integramente con madeira galega. Trátase dun proxecto no que participan o Concello de Lugo, impulsor da iniciativa, a Deputación de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidad Politécnica de Madrid.

Esta demostración de capacidade tecnolóxica xerou interese no eido comunitario, quedando ao abeiro do programa europeo LIFE Lugo + Biodinámico. Unicamente a Comunidade Autónoma de Andalucía e a cidade amurallada tiveron acceso a esta clase de fondos, consignados a plans de economía sostible que deben ter traslación física e duradeira, alén da adquisición de coñecemento. Neste senso, o Impulso Verde será o primeiro dunha nova clase de edificios que aproveitan as diversas capacidades da madeira como punto de partida dun novo modelo produtivo.

Un segmento en auxe

Manuel Guaita, director da PEMADE do Campus Terra | Óscar Bernárdez
Manuel Guaita, director da PEMADE do Campus Terra | Óscar Bernárdez

O equipo PEMADE -Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural- do Campus Terra iniciou o plantexamento a partir do desafío do cambio climático. O responsable do departamento, Manuel Guaita, explicou que o edificio debe ser “un fotograma do futuro da humanidade”, un concepto arredor da economía circular e a non xeración de elementos contaminantes. A madeira é un material excelso para cumprir con estes requisitos.

Isto débese á “intelixencia bioquímica” da madeira, que conta con suficiencia estrutural natural e ademais é biodegradable. Neste senso supuxo un fito incontestable a madeira contralaminada, que consta de táboas perpendiculares encoladas para a edificación en altura. A técnica foi empregada por vez primeira en 2009 nun complexo residencial en Londres, a raíz da experiencia de investigadores austríacos.

Na actualidade, as grandes capitais europeas empregan o contralaminado e existen plans para erguer rañaceos. Malia o inherente potencial no sector da madeira, Galicia renunciara a entrar neste modelo con materiais e técnica propia. Ata agora. O Impulso Verde será un demostrador con diferentes usos públicos que probará as vantaxes en custes, eficiencia enerxética e mitigación do efecto invernadoiro.

Características e funcións

Belén Feijóo, arquitecta da PEMADE | Óscar Bernárdez

O edificio, un poliedro de catro alturas para algo máis de 650 metros cadrados, conta cun orzamento dun millón de euros e un prazo de execución de doce meses. Este mércores aprobarase na xunta de goberno o inicio da licitación da obra, que será complementado polo desdobramento da avenida Duquesa de Lugo.

Mercé ao emprego de construción modular, os tempos e os custes serán máis competitivos. A replicabilidade dos módulos é un dos aspectos máis interesantes de cara á industrialización deste sistema arquitectónico, con perspectivas positivas para o emprego en forma de plantas de madeira contralaminada. Este segmento está a duplicar cada ano a súa demanda na Unión Europea.

O proxecto recolle a experiencia da cuberta gridshell recentemente premiada no principal foro internacional da madeira, e procura converter a Lugo, e por extensión a Galicia, nun produtor autónomo, que aproveita o seu clima privilexiado para incorporar as capacidades da conífera autóctona, e que lidera as solucións tecnolóxicas no sector.

O investigador Luis Ruiz García da Universidad Politécnica de Madrid | Óscar Bernárdez
O investigador Luis Ruiz García da Universidad Politécnica de Madrid | Óscar Bernárdez

No Impulso Verde, sito entre as avenidas Paulo Fabio Máximo e Duquesa de Lugo, ubicaranse varios servizos municipais, un espazo de colaboración para temas vencellados á economía sostible e de exposición do proxecto LIFE, aula educativa, terraza, zona de ocio e un xardín interior. O investigador Luis Ruiz García da Universidad Politécnica de Madrid, que colabora nos aspectos de infraestrutura verde, considera o resultado “formidable” e valorou especialmente o “compromiso e dedicación, institucional e técnico” dos actores involucrados.

O proxecto está coordinado polo profesor Antonio Rigueiro, da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, con dirección de Antonio Lara-Bocanegra, da Universidad Politécnica de Madrid, e conta co asesoramento do centro autonómico CIS-Madeira e mailo prace da Entidad Nacional de Acreditación (ENAC) para validar o emprego responsable dos recursos naturais.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here