InicioPolíticaO PP aproba outro salario de 72.000 euros para Martínez en Suplusa

O PP aproba outro salario de 72.000 euros para Martínez en Suplusa

O Consello da sociedade urbanística da o prace a 72.000 euros anuais para o presidente e outros 52.000 para un cargo de confianza

PUBLICADA O

- Advertisement -

A entente do Partido Popular con Manuel Martínez segue adiante sen agochar a compra de favores políticos. A formación conservadora e o aínda presidente da sociedade urbanística Suplusa aplicaron a maioría que ostentan no Consello de Administración para aprobar o novo orzamento, creando así un novo salario a prol do deputado non adscrito e alcalde de Becerreá de case 72.000 euros anuais, xunto con outros 52.000 para ‘persoal eventual’.

A manobra dos populares ten dous precedentes. O primeiro en maio, cando acordaran con Martínez –a quen precisan para acadar a maioría plenaria na Deputación– unha retribución de 57.000 euros como presidente de Suplusa e a contratación dun asesor por 41.000 euros adicionais, malia que nunca existira remuneración na sociedade do solo, porque os seus membros son asemade deputados provinciais. Aquel acordo quedou pendente de tramitación.

O segundo foi en setembro, no pleno da Deputación. O partido que coordina Elena Candia apoiou a iniciativa de Martínez, un histórico dos socialistas lucenses cesado da vicepresidencia provincial e expulsado do partido, para que obtivese outra dedicación exclusiva de 50.000 euros. O deputado díscolo nunca percibiu esa cantidade, porque debe incluírse no Orzamento de 2019.

Dous salarios por 121.000 euros máis un cargo de confianza

Carlos Armesto e Elena Candia | Óscar Bernárdez
Carlos Armesto e Elena Candia | Óscar Bernárdez

Cómpre ter en conta que o 24 de abril, o Boletín Oficial da Provincia reflictía o acordo do pleno municipal de Becerreá polo cal Manuel Martínez recibiría uns emolumentos de 40.804 euros anuais, con efecto a partir do día en que foi cesado como vicepresidente da Deputación, pola dedicación exclusiva como alcalde e concelleiro de Deportes, Cultura e Turismo. Este salario está vixente, detraído do orzamento do consistorio.

Este luns, o Consello de Administración de Suplusa deu luz verde ao novo proxecto orzamentario da sociedade, que contempla dúas partidas inéditas: gastos para o persoal dos órganos de goberno (71.848 euros) e para persoal eventual (52.138 euros). Esta masa salarial carece de xustificación e figura entre o plan de actuación para 2019; razón pola cal non entrará en vigor, por depender da aprobación do Orzamento Consolidado da Deputación, que inclúe os órganos dependentes da mesma.

A raíz destes acordos, Martínez conseguiu a aprobación de tres salarios públicos por un total de 163.000 euros. Desta cantidade, 121.000 euros dependeron do apoio do Partido Popular, sendo a porción restante responsabilidade do pleno municipal de Becerreá. Son en todo caso cifras que escapan por moito as consignas de moderación salarial dos conservadores, ademais de facilitar un cargo de asesor.

A decisión dos representantes no Consello de Administración de Suplusa amosa que a conivencia entre o Partido Popular e Manuel Martínez persiste, a pesar do revés xudicial que anulou a modificación estatutaria e ratificou a subordinación deste ente ao goberno da Deputación.

Así e todo, o fallo da Audiencia Provincial ficou en suspenso, polo que o executivo provincial que preside o socialista Darío Campos iniciou a intervención administrativa de Suplusa. A medida era a única saída para a disolución da sociedade urbanística, que só pode aprobarse no pleno da Deputación, mais o proceso de tutela avanza lentamente pola dificultade de execución xurídica.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...