A xornalista lucense Érika Reija recolle o XVIII Premio José Couso

O traballo da correspondente de TVE foi recoñecido polos seus compañeiros de profesión con este galardón que entrega o Club de Prensa de Ferrol.

A xornalista lucense Érika Reija recibe o XVIII Premio José Couso xunto ao alcalde de Ferrol, Anxo Mato.. COLEXIO DE XORNALISTAS

A xornalista lucense Érika Reija, correspondente ata hai unhas semanas de TVE en Rusia, recibiu no mediodía deste sábado o premio que a acredita como gañadora da XVIII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, convocado cada ano polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol.

Nun acto desenvolvido no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, presidido polo alcalde desta cidade, Ángel Mato (PSOE), Reija asegurou que é a súa intención “regresar a unha Rusia máis libre” e dedicou o galardón aos xornalistas independentes deste país e aos informadores mortos, “especialmente na guerra de Ucraína”.

A xornalista de Televisón Española recibiu este premio grazas aos votos emitidos polos colexiados de colexio autonómico e aos socios do club ferrolán, tras ter que abandonar a correspondencia de Moscova da televisión pública tras a aprobación dunha lei que criminaliza o traballo xornalístico.

COLOQUIO

Érika Reija foi tamén a protagonista dunha recepción que se desenvolveu neste espazo municipal desde as 11,00 horas, onde se reuniu co rexedor ferrolán e con edís do Concello, ademais de con representantes das dúas entidades organizadoras deste premio, lugar no que a xornalista asinou no libro de ouro da cidade.

Posteriormente, participou nun coloquio conducido pola xornalista ferrolá Patricia Hermida, no que se trataron temas como a situación do xornalismo en Rusia, a cobertura informativa da guerra de Ucraína e os teitos de cristal da profesión.

Reija reivindicou a necesidade da igualdade na profesión e de que os medios “aposten por un tipo de cobertura que dea o tempo e os recursos para informar ben”. A xornalista quixo lembrar tamén o asasinato de José Couso, que lle “confirmou que quería facer ese tipo de información”, e tivo unhas palabras para Pablo González, detido en Polonia, pedindo que se aclare a súa situación e que se poida pór en contacto coa súa familia.

Por último, asegurou: “A pesar dos desencantos, sigo pensando que esta é a profesión máis fermosa do mundo”.

PREMIO

A continuación, o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco X. González Sarria, e a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz, entregaron o XVIII Premio José Couso a Érika Reija, que manifestou “sentirse privilexiada”. Pechou o acto o alcalde, Ángel Mato, quen agradeceu á organización o compromiso con Ferrol e destacou a importancia de ter uns medios de información independentes.

A celebración finalizou coa tradicional ofrenda floral na estatua ‘As Ceibes’ de Manuel Patinha, situada no Cantón de Molíns, onde Reija leu o texto ‘Na guerra da desinformación, fagamos que gañe a verdade’, redactado por ela mesma con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa.

No texto, fai un chamamento a volver ás orixes do xornalismo, ao primar “a calidade sobre a cantidade, as crónicas ben documentadas sobre os textos rápidos ou as conexións ininterrompidas que engaden máis ruído ou ideoloxía que unha información rigorosa, veraz e de valor”.