No historial médico da nai de Desirée Leal, a nena asasinada en Muimenta en maio de 2019, non aparecía ningunha referencia a supostos episodios delirantes, de persecución ou de confusión de persoas con anterioridade ao crime, a pesar de que ela mesma contou despois a distintos facultativos que levaba meses sufrindo un “cadro psicótico” que, segundo a psiquiatra que a tratou durante todo o seu ingreso no Hospital de Lugo, puido ser a orixe dos feitos.
Na cuarta sesión do xuízo que acolle a Audiencia Provincial de Lugo para tratar de esclarecer este crime compareceron distintos médicos que prestaron asistencia á nai da vítima e única acusada tanto antes como despois dos feitos.
Entre eses testemuños está o da psiquiatra que a atendeu durante todo o período que durou o seu ingreso no HULA tras o crime e que afirmou que nunca tivo a sensación de que a muller lle mentise.
De feito, asegurou que presentaba, tanto no momento dos feitos como meses atrás, un “cadro psicótico” caracterizado, entre outras cousas, por crer que algunhas persoas da súa contorna foran suplantadas e que, na súa opinión, puido desencadear os feitos. “Se esa noite agrediu á nena está en relación con que puido pensar que non era ela ou algo en relación a ese cadro psicótico”, engadiu.
No entanto, os médicos que con anterioridade trataron á acusada –algún deles dous meses antes do crime– afirmaron que só acudiu á súa consulta pedindo axuda porque padecía de insomnio e que, en ningún momento, nin ela nin a súa nai, que a acompañou en varias ocasións, falaron deste tipo de pensamentos afastados da realidade.
SEN EFECTOS ORGÁNICOS
Nesta vista declarou o médico de urxencias que tratou á acusada cando foi trasladada por un suposto tento de suicidio o día dos feitos e que a viu “completamente estable” e “orientada”, aínda que “un pouco aparvada”. Ademais, precisou, o control de tóxicos e a bioquímica tampouco arroxaron ningún resultado.
Na mesma liña, o médico que a examinou 24 horas despois para coñecer o seu estado xeral viuna “en boas condicións” e sen “efectos orgánicos en relación á inxesta medicamentosa”. “Hai que crerse sempre o que di que lle sucede a un paciente, pero o seu estado non estaba minguado en xeral”, explicou.
Este segundo médico tamén deixou constancia no seu parte de observacións da presenza no corpo do pai de “lesións que non son autolíticas”: algunhas pequenas feridas nas mans e hematomas antigos, lesións nas cutículas e “erosións de rascado na parte posterior do ombreiro”. Sobre estas últimas, a acusada díxolle que “adoitaba ter a pel atópica e tendencia a rascarse”.
“CERTA CLÍNICA PSICÓTICA”
A primeira psiquiatra que a valorou no hospital tras os feitos contou hoxe que detectou “certa clínica psicótica” na muller, que “tiña un xuízo da realidade alterado”, “ideas de prexuízo”, e un “contacto estraño coa situación vivida”, como episodios de “risa inadecuada” durante a entrevista.
A acusada contou á psiquiatra que tomara pastillas porque a súa filla morrera e a facultativa viuna “orientada” e que ía “respondendo ben” ás súas preguntas. No entanto, si que considerou que estaba a sufrir un “episodio disociativo” con “un contacto estraño coa realidade”.
A profesional de psiquiatría que a atendeu a mañá seguinte dixo que a paciente lle explicou que non lembraba o sucedido, pero que se tentou quitar a vida. “Non sabía onde estaba a súa filla”, dixo a psiquiatra, “non acababa de entender ou crerse que a nena falecera”.
A profesional tamén a viu “un pouco estraña” e incongruente “co que estaba a pasar” e contoulle que lle pasaron “cousas raras” que “se podían interpretar como delirios” pero que “non resultaban ao 100 por cen claros”. “Normal, normal… o que estaba a contar non era dunha persoa normal”, resolveu.
PERSOAS SUPLANTADAS
O testemuño máis longo foi o da psiquiatra que tratou á acusada durante todo o ingreso e para a que non hai dúbidas de que sufría un “episodio psicótico”. “Nunca tiven sensación de que me mentise”, dixo. A profesional explicou que non lle contou estes episodios inicialmente, pero si cando a levaba tratando un tempo, e que se entrevistou tamén con varios familiares para corroborar as historias.
Ao parecer, os síntomas empezaran por mor dun curso, no que “tiña a sensación de que os compañeiros falaban dela” e sabían “cousas que non podían saber da súa intimidade”. Do mesmo xeito, apuntou, “tiña a sensación de que a xente ao seu redor estaba distinta”, especialmente a súa nai, á que chegou a porlle “probas” para saber se fora suplantada.
Pero, ademais, á psiquiatra díxolle que tamén notara “raros” á súa parella, ao seu pai e á nena, que “parecía máis madura”. Entre outras cousas, contoulle que a Desirée gustáballe xogar a deixar pistas pola casa e que, de feito, xogara a iso a tarde anterior á súa morte. Con todo, referiu que cría que, polo modo en que a súa filla “montaba as pistas”, debía de “ter axuda externa”.
Entre os episodios relacionados coa súa filla, tamén contou que a sacou da piscina porque cría “que se puña demasiadas veces enferma” e que fixo con ela unha viaxe sen planificar a Cantabria pouco antes do crime para comprobar “se alguén a vixiaba a través do móbil”. “Durante a viaxe, o GPS fallou moito e ela interpretaba que era alguén que interfería o sinal”, contou.
Durante o tratamento, apuntou, tiña en ocasións a sensación de que a morte da súa filla “era irreal”, ou a crenza de que “non estaba morta”. “Dicía nalgún momento que cría que todo era un plan que tramara o pai da nena para levarlla”. Sobre a noite dos feitos, sempre lle dixo que non lembraba o que pasara.
“Eu vina nun cadro psicótico, cun delirio de identificación errónea”, explicou o médico, que considera que tiña “a conciencia da realidade parcialmente alterada”. “Levaba psicótica varios meses e esa noite estaba psicótica”, asegurou, tras o que engadiu “ela contoume que quería á súa filla e, se ela lle fixo algo, foi porque non se atopaba ben”. En concreto, a experta vincula estes posibles feitos coa confusión entre persoas. “Se esa noite agrediu á nena, está en relación con que pensou que non era ela. Eu penso que pode ser iso”, resolveu.
En todo caso, a psiquiatra apunta que as ideas delirantes “ían e viñan” e que, en ocasións, estaba “máis lúcida” e admitía que os seus pensamentos eran “esaxerados”. Así mesmo, contou que, inicialmente, “ela non pensou que era sospeitosa”. “A información que lle chegaba por parte da súa familia ía moi orientada a que podía ser un accidente”, explicou o médico, que asegurou que o pai da acusada dixo que cría que a avoa podía estar implicada.
SEN DIAGNÓSTICO ANTES
Pola súa banda, nin unha psicóloga que tratou á acusada en 2012 nin o seu médico de cabeceira, á que acudiu varias veces por ansiedade e insomnio un par de meses antes do crime, tiveron noticias nunca de que estivese a vivir este tipo de episodios.
De feito, o médico de cabeceira, que lle recetou a trazodona para durmir, consultou tanto a ela como a nai da acusada sobre o seu estado en data posterior ao curso no que se tiñan supostamente iniciado os síntomas. Con todo, ningunha das dúas mencionaron delirios ou ideas persecutorias e atribuíron todo a un episodio de ansiedade polo que rexeitou mesmo a súa derivación a un psicólogo.