Piden a intervención da Valedora para que no HULA haxa unha Unidade de Ictus durante as 24 horas

A Plataforma en Defensa da Sanidade do HULA advirte que é posible que o Sergas ofreza un servizo "mutilado" co ánimo de frear as reivindicacións, pero avanza que "non o aceptarán de ningunha maneira".

Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) | Grupo San José
Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) | Grupo San José

A Plataforma en Defensa da Sanidade e das Especialidades do HULA reitera a súa demanda de implantación dunha Unidade de Ictus en Lugo durante as 24 horas do día. Visto que a Consellería de Sanidade non atendeu esta reclamación, xa formulada hai varios meses, agora o colectivo “tomará medidas serias” e pedirá a intervención da Valedora do Pobo. O obxectivo é que esta cuestión se traslade ao debate parlamentario para acordar a instalación urxente deste servizo.

“Lugo non ten a Unidade de Ictus da que si desfrutan na Coruña, Santiago (cun censo de habitantes inferior a Lugo) e Pontevedra”, denuncia a Plataforma. “En Lugo sófrense arredor de 1.200 ictus ao ano. Hai que ter en contar que hai unha poboación dispersa e envellecida que pode ser considerada de alto risco”. Porén, acusan o Sergas de obviar estas circunstancias e “pretender a mobilización social para decidir a implantación do servizo”.

Lembran a importancia de que todas as provincias conten cunha Unidade de Ictus para a correcta atención dos pacientes independentemente do territorio.Enfermar en Lugo é peor ca poñerse malo na Coruña, lamentaba unha deputada socialista nun pleno do pasado outubro. “Trátannos como a cidadáns de terceira”, critican dende a Plataforma.

NON ACEPTARÁN UNHA UNIDADE “MUTILADA”

Á súa vez, advirten: “É posible que, co ánimo de frear a nosa reivindicación, o Sergas tome decisións de ofertarnos a curto prazo unha Unidade de Ictus mutilada. Non imos aceptar iso de ningunha forma”. Por iso, establecen uns requisitos mínimos dos que debería dispór o servizo.

Esixen, entre outras, que estea presente un neurólogo durante as 24 horas; que haxa un neuroradiólogo; un equipo de enfermaría cun ratio de 1 profesional por cada catro camas; unha unidade de camas específicas para Ictus; que se dote o hospital de monitorización neurolóxica; e que se poña en marcha un servizo de rehabilitación específica.

Desta maneira, procuran poñer fin á problemática que veñen padecendo os veciños e veciñas da provincia. En outubro, contabámolo así nesta reportaxe: A ‘lotaría’ dos pacientes de ictus en Lugo: “Ás veces hai neurólogo, ás veces non”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here