Orde de afastamento para os pais do bebé ingresado no HULA con signos de malos tratos

O bebé permanece no hospital en situación "estable". Os seus pais foron detidos por un posible caso de malos tratos e a Xunta acordará a "tutela urxente" do menor. Pola súa parte, o Concello explicou que os servizos sociais da cidade non coñecían a situación. Arestora, seguen os labores de limpeza na vivenda, que estaba feita un "esterqueiro".

Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) | Grupo San José
Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) | Grupo San José

O xulgado decretou unha orde de afastamento para os pais investigados por supostos malos tratos ao seu bebé de dous meses, que se atopa ingresado no Hospital Lucus Augusti. Así o informou a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, quen tamén engadiu que o neno está “estable”. A maxistrada activou “medidas urxentes” para actuar neste caso, polo que lles nega aos proxenitores do menor a posibilidade de solicitar un réxime de visitas.

Os pais levaran o bebé ao centro medico da Praza de Ferrol, en Lugo, o pasado venres. Despois dunha primeira valoración médica, foi derivado ao Lucus Augusti para que fose asistido por varias lesións. Á vista do estado do cativo, o HULA activou o protocolo por posibles malos tratos. Así, o Xulgado de Instrución número 1 da cidade, de garda, requiriu á Policía Nacional a detención dos pais, que pasaron o martes a disposición xudicial.

Isabel Rodríguez precisou que ambos, investigados por un suposto delito de malos tratos, atópanse en liberdade, pero cunha orde de afastamento do menor. O bebé, pola súa banda, “permanece ingresado no HULA en situación estable”, engadiu a subdelegada do Goberno.

A XUNTA TUTELARÁ O NENO

Do mesmo xeito, a Xunta acordará a “tutela urxente” do bebé, segundo  manifestou o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.  “O xulgado deu á Xunta a garda e custodia deste menor“.

Balseiro confirmou respecto diso que “hoxe (mércores) mesmo acordarase a tutela urxente” por parte da Xunta de Galicia do bebé supostamente maltratado. “Son os datos que podemos confirmar porque ao tratarse dun menor a información é reservada e está baixo supervisión xudicial”, concluíu o delegado do Goberno galego en Lugo.

Foi persoal sanitario o que trasladou o caso ao xulgado que naquel momento estaba de garda e este luns a xuíza ordenou entrar na vivenda familiar, situada na rúa Irmáns Carro, onde persoal de limpeza do Concello de Lugo se atopou cunha casa “inhabitable” pola sucidade que acumulaba.

OS SERVIZOS SOCIAIS DE LUGO NON COÑECÍAN O CASO

Por parte do Concello, aclarouse que os servizos sociais da cidade de Lugo non recibiran ningunha alerta ou denuncia sobre as condicións nas que vivía o bebé. Así o dixo o portavoz socialista do goberno local, Miguel Fernández, que confirmou que continúan os labores de limpeza da vivenda onde vivía o menor canda os seus pais.

No interior do domicilio atopáronse grandes cantidades de lixo e obxectos, algo que fontes da investigación cualificaron como un “esterqueiro“. Por iso, o xulgado ordenou a limpeza da vivenda “por saúde pública e por posibles infeccións no edificio”. Á vista do que alí se atoparon os operarios de limpeza, “foi necesario reforzar ese servizo con persoal de Urbaser”, dixo Miguel Fernández. Unha vez que se conclúa, “procederase tanto á desratización como á desinfección do edificio”.

Tras a Xunta de Goberno, o portavoz confirmou, no entanto, que non existía ningunha denuncia nos servizos sociais municipais sobre esta situación e que este departamento non tiña constancia, algo do que se mostrou sorprendido. “En todo caso, quero agradecer aos servizos sociais, de medio ambiente e de saúde pública a axilidade que tiveron para responder a isto”, dixo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here