InicioSociedadeCase corenta concellos de Lugo percibirán axudas para reducir a súa factura...

Case corenta concellos de Lugo percibirán axudas para reducir a súa factura eléctrica

A Deputación conseguiu fondos europeos para renovar a iluminación existente nos municipios por outra de tipo LED. Así, estiman que o aforro alcanzará os 62.000 euros anuais no conxunto de concellos.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación de Lugo vén de conseguir fondos da Unión Europea para desenvolver o proxecto ILUMIN@. Grazas a iso, trinta e oito concellos lucenses percibirán axudas destinadas a renovar as instalacións enerxéticas municipais e reducir así a súa factura eléctrica.

Así o anunciou o presidente da Deputación, José Tomé, nunha rolda de prensa posterior á primeira xunta de goberno do novo mandato. Esta sesión arrincou cunha “boa nova” para os concellos, expresou Tomé, porque o programa ILUMIN@ achegará 578.072 euros para dotar os municipios de novo equipamento enerxético de baixo consumo. As axudas do FEDER foron solicitadas a través do Instituto de Desenvolvemento de Aforro Enerxético (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica. A maiores, a Deputación poñerá uns 145.000 euros.

Tales fondos serán distribuídos entre os 38 concellos que se adheriron á iniciativa de forma voluntaria. O obxectivo é “prestar servizos públicos eficientes á cidadanía á vez que se aforran custos”. Así, prevense cambios na luminaria existente por outras “tecnoloxías máis modernas”, como a iluminación LED. Farase, por exemplo, no alumeado público, centros sociais, dependencias culturais ou deportivas, etc. En total, Tomé estimou que se renovarán 3.195 instalacións que suporán un aforro de 62.000 euros anuais no conxunto de concellos.

Os concellos que se sumaron ao proxecto son os seguintes: Baralla, Meira, Friol, Quiroga,  Burela, Negueira de Muñiz, Castro de Rei, A Pastoriza, Begonte, Riotorto, Carballedo, Sober, Lourenzá, Ourol, A Pobra do Brollón, Mondoñedo, Xermade, O Vicedo, Navia de Suarna, Láncara, Cervantes, O Saviñao, Ribeira de Piquín, Alfoz, O Páramo, Rábade, As Nogais, Guntín, Castroverde, Samos, Trabada, O Incio, Folgoso do Courel, Pantón, O Valadouro, Cospeito, Vilalba e Monforte de Lemos.

DESBROCES

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do servizo de desbroce de estradas provinciais pertencentes a 28 concellos. Para este fin destináronse 972.000 euros, que cubrirán os traballos deste ano 2019 e do 2020.

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

O BNG reclama melloras da N6 no seu paso pola provincia de Lugo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha serie de iniciativas parlamentarias...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...