Industria non corresponde a expectativa do emprendemento lucense

A visita da ministra Reyes Maroto amosa a comprensión das realidades locais de Lugo, pero deixa poucas medidas de efecto inmediato e ningunha específica

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e a ministra de Industria, Reyes Maroto | Óscar Bernárdez
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e a ministra de Industria, Reyes Maroto | Óscar Bernárdez

O paso por Lugo da ministra de Industria, Comercio e Turismo non pasará á historia en materia de anuncios. Reyes Maroto amosou predisposición a dialogar e tratar os problemas específicos de cada zona, nun esforzo por medrar a partir da proximidade, alternando as negociacións internacionais co percorrido da xeografía española. Aliás, na maioría de casos remitiu a mesas sectoriais, xunto con grandes plans de investimento e lexislativos a nivel estatal. A responsable do Goberno aludiu á relativa falta de competencias e á necesidade de que os Presupostos Xerais do Estado prosperen para materializar os novos programas.

A escena era propia de Benvido Mr. Marshall: representantes locais, provinciais e estatais, da empresa grande e pequena, todos expectantes perante un encontro pouco habitual e demorado ata o extremo. A xira da ministra Maroto prolongouse de máis en Vigo e demorou o acto en Lugo hora e media. As présas posteriores condicionaron a cadencia e o contido do discurso, construído con ausencias notables.

Industria e pequeno comercio

Maroto deixou na gabeta asuntos coma as negociacións con Alcoa, a industria alimentaria ou a agroforestal. En cambio, abusou dos conceptos territorio e Madrid, forzando o carácter plural do novo Goberno con certa culpabilidade no esforzo por imaxinar os asuntos das provincias. A ministra comentou que seguramente a comparecencia que Lugo demandaba era a do homólogo de Fomento.

Así, asegurou que “non vale pensar todo dende Madrid”, salientando as cualidades senlleiras da industria galega. Nese senso, defendeu que o seu Ministerio “configura un mapa seguindo as necesidades específicas do territorio”,   aberto a un debate orzamentario no que introducir as enmendas doutras formacións políticas.

A enviada do Goberno marcou como prioridade a reindustrialización de Galicia, nun “proxecto compartido” coa empresa, a sociedade civil e os axentes sociais. Así, gabou as cualidades de dous programas lanzados recentemente: o Industria Conectada 4.0, de axuda para adaptarse ás novas tecnoloxías e a automatización; e o Plan Reindus, precisando que na provincia contan con 3 solicitudes por valor de 12 millóns de euros.

Respecto do comercio local, Maroto avanzou que o plan do executivo pasa por triplicar as axudas de acompañamento, co gallo de modernizar os pequenos negocios, introducindo internet sen renunciar á compoñente física e de proximidade. En palabras da ministra, o comercio local permite “asentar territorio e diferenciar” a oferta da economía propia. A fin de comprender as necesidades dos comerciantes, o Ministerio dispuxo o Observatorio Comercio 4.0, que inclúe un plan de modernización. As achegas, por suposto, dependerán da entrada en vigor do proxecto orzamentario do Goberno.

As rebaixas e os impagos

José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, a ministra Reyes Maroto e o secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos | Óscar Bernárdez
José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, a ministra Reyes Maroto e o secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos | Óscar Bernárdez

Dende a Confederación de Empresarios de Lugo amosaron interese por regular e limitar os horarios comerciais e as rebaixas. En resposta, Maroto explicou que está constituída unha mesa específica e dixo agardar ás conclusións da conferencia sectorial. No que respecta ao emprendemento, a ministra valorou o contido da Lei de Emprendedores e emprazou a colaborar coa Empresa Nacional de Innovación (Enisa), ente que financia pemes e premia as boas prácticas.

Avanzou asemade a celebración de xornadas temáticas sobre o pequeno comercio, enfocadas a facer accesibles estes negocios para chegar ao consumidor, empregando canles establecidas, coma Amazon, e outras incipientes. Por último, expresou inquedanza pola morosidade das administracións e interempresarial, fiando a solución á nova lexislación e os plans da Cepyme, a patronal estatal e o Ministerio de Economía.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here