A Deputación de Lugo aproba o orzamento de 91,7 millóns

O período de execución do orzamento comezará no mes de xaneiro.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, en declaracións aos medios | Imaxe de arquivo

O goberno bipartito da Deputación de Lugo sacou adiante este xoves un orzamento para o ano 2020 que ascende a 91,7 millóns de euros, unha cantidade cuxo 33 % irá destinado a políticas sociais, 20 millóns de euros ao Plan Único de axudas aos municipios e outros 14 millóns a mantemento, conservación e obra nova na rede viaria provincial que, con 4.200 quilómetros de estradas, é a máis extensa de España.

Socialistas e nacionalistas, que forman un goberno bipartito con maioría absoluta no pleno da Deputación de Lugo, aprobaron cos seus votos o orzamento da Deputación, mentres que o grupo provincial do Partido Popular optou neste caso pola abstención.

Se non hai reclamacións no período de exposición pública a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, as contas podería quedar definitivamente aprobadas antes de que finalice o ano e o período de execución do orzamento comezará no mes de xaneiro, co que o goberno bipartito terá cumprido o seu “compromiso”, dixo o presidente da institución, José Tomé.

Con todo, para a portavoz do grupo provincial do PP, Elena Candia, estes orzamentos “chegan tarde” e foron aprobados xa de forma “extemporánea”, porque se esperaba maior “traballo” dun goberno que lle custa aos lucenses “un 30% máis2 que o anterior. Candia lembrou que os populares sempre defenderon que un goberno ten que ter “medios” para traballar, pero tamén ser eficaz no cumprimento das súas funcións.

Tomé aclarou que o orzamento da Deputación de Lugo para este ano é un 3,7% superior ao do exercicio en curso, grazas a un incremento da participación nos tributos do Estado. Precisou, así mesmo, que reflicten a decisión de disolver a Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa), de modo que se elimina a achega da Deputación, aínda que as contas si inclúen a achega da institución ao orzamento do Consorcio Provincial de Bombeiros.

A Deputación destinará máis de 20 millóns de euros, 11,2 millóns do orzamento deste ano e o resto da cantidade con cargo aos remanentes do exercicio de 2020, para o Plan Único de axuda aos municipios, así como 14 millóns de euros para a rede viaria provincial, outros 2 millóns para impulsar o sector primario e 2,4 millóns para promoción turística.

Así mesmo, resérvase unha partida de 9 millóns de euros para o funcionamento das tres residencias da terceira idade abertas, en Pol, Trabada e Ribadeo, así como para a apertura das construídas na Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro.

Cinco millóns irán destinados a iniciativas para fomentar a creación de emprego e 2,6 millóns para mellorar a educación pública na provincia.

“Elaboramos uns orzamentos apegados á realidade da provincia, que aplican, a través da cooperación cos concellos, políticas progresistas para favorecer a cohesión social, o equilibrio territorial e o impulso da economía e o emprego”, subliñou José Tomei.

Pola súa banda, Efrén Castro, portavoz do grupo provincial nacionalista, afirmou que estes orzamentos levan tamén a marca do BNG, a través do Plan Único de axuda aos concellos, pero tamén pola introdución dunha perspectiva de xénero nas contas provinciais desde un punto de vista transversal. EFE

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here