InicioEconomíaO emprendemento lucense celebra as sinerxías creadas nestes quince anos de CEI-Nodus

O emprendemento lucense celebra as sinerxías creadas nestes quince anos de CEI-Nodus

Este espazo empresarial festexou o seu aniversario cunha xornada de portas abertas e unha chea de actividades. Neste espazo, que promete interaccións e sinerxías entre emprendedores, animan a que tamén as empresas alleas se acheguen alí. Un dos pratos fortes do día foi a II Feira de Nenos Emprendedores, na que a rapazada botou a andar ideas de negocio "para que saiban a que enfrontarse na vida adulta".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Poucos serán os lucenses que non sentiran falar do CEI-Nodus nestes quince anos de vida. Este centro de emprendemento e innovación vén de celebrar o seu aniversario cunha xornada de portas abertas e multitude de actividades. O obxectivo non é outro ca achegar á cidadanía os recursos que alí se ofrecen para fomentar o tecido empresarial en Lugo. Mesas redondas, visitas guiadas, programación infantil ou concertos musicais foron algunhas das propostas do CEI-Nodus para este venres 29 de novembro. Encheron o espazo un rebumbio de persoas e de proxectos.

“O emprendemento é fundamental para o desenvolvemento dunha cidade”, asegurou o concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto. Por iso, e aínda que as políticas de emprego non son unha competencia municipal, o Concello di “apostar por iniciativas coma esta para fomentar a creación de postos de traballo”. Repetto non leva demasiado tempo no cargo, pero xa tiña un vínculo previo co CEI-Nodus. Tamén el deixara agromar alí algún proxecto de seu. Así valora el o papel deste espazo empresarial: “O balance que facemos despois destes quince anos é súper positivo. Alí acolléronse máis de cen empresas e contribuíuse a impulsar outras 450 con servizos de asesoría, aínda que non estivesen no viveiro. Estamos falando de que a facturación total destas empresas anda polos 60 millóns de euros”.

Entre as actividades para celebrar o 15º aniversario do CEI Nodus, estaba prevista unha mesa redonda sobre emprendemento feminino | Concello de Lugo

A importancia do CEI radica nas relacións que xorden entre emprendedores e emprendedoras de diferentes ámbitos. Nese sentido, Repetto adianta que dende o Concello “seguirase traballando para ampliar espazos e reforzar áreas comúns e zonas abertas” onde poidan emerxer esas interaccións e intercambios. Así mesmo, animan a empresas alleas ao CEI-Nodus a que se acheguen alí porque tamén elas se poderán beneficiar das “sinerxías”.

A PERSPECTIVA DAS EMPRENDEDORAS E EMPRENDEDORES

Estes procesos simbióticos nacidos do encontro e do debate entre emprendedoras é un dos puntos máis valorados polas persoas que desenvolven alí as súas ideas de negocio. “Dispoñer de instalacións e outros recursos a un prezo económico é moi importante. Nun primeiro momento foi un dos motivos polos que quixemos vir para aquí”, din algúns dos emprendedores, “pero tamén por esa posibilidade de intercambio e crecemento”.

Nesa liña, a maioría coincide en que é preciso darlle un maior impulso ao networking: “fálase moito diso, pero logo non sempre se leva á práctica. Iso é algo que temos que facer entre todos”, reclaman.

Mónica Pérez, de Triesfera (modelado e impresión 3D); Helena González, de Bisagras de Papel (investigación xenealóxica); Jorge Bustos, Noé Gallego e Juan Álvarez, de A3 Proyectos (enxeñaría e arquitectura); Pablo García, de basÁrtico (branding)… Entre os proxectos que medran entre as paredes do CEI-Nodus atópanse iniciativas ben dispares: dende empresas de cociña ata talleres de artesanía ou servizos de integración no comercio online. Así e todo, o sector tecnolóxico quizais sexa o que máis peso ten alí neste momento.

Unha trintena de rapaces venderon os seus produtos na II Feira de Nenos e Nenas Emprendores | Concello de Lugo

AS IDEAS DE NEGOCIO DOS MÁIS CATIVOS

Tamén os máis pequenos tiveron o seu oco nesta xornada de celebración. Pola tarde, o primeiro andar do CEI-Nodus acolleu a II Feira de Nenos Emprendores. Unha trintena de rapaces e rapazas botaron a andar as súas propias ideas de negocio e puxeron á venda os seus produtos: dende chourizos e sobremesas doces ata adornos de Nadal ou accesorios para o cabelo.

“Que che parece este turbante? Seguro que che quedaría ben nese pelo rizo”, suxería con desenvoltura unha nena a unha das persoas visitantes. “É unha maneira de que coñezan como funciona este mundo e para que sexan conscientes do valor do diñeiro“, sostén Mauricio Repetto, edil de Emprego. Algo semellante pensaba unha das nais que acompañaba a súa pequena emprendora: “así van sabendo o que hai que facer o día de mañá, cando saian á rúa e se enfronten á vida adulta”.

FIN DE FESTA POR TODO O ALTO

Este día repleto de actividades sobre emprendemento tivo un remate puramente festivo, como prometía a ocasión. A artista lucense Laura LaMontagne, Baiuca e mais Natalia Ferviú DJ puxeron o toque musical cando chegou a noitiña. Segundo expuxeron dende o Concello, estes tres concertos abrirán un novo tempo de programación lúdica e cultural nos arredores do CEI-Nodus. Procuran aínda máis vida para este espazo. E moitas máis festas de aniversario!


Bisagras de Papel: xenealoxía para aprender a vivir

ÚLTIMAS

Conclúe a inspección da nave de Mazoi calcinada este martes e a empresa desconfía de que fose provocado: “Non sei como prende unha nave...

A Policía Científica deu por concluída este mércores a inspección da nave de reciclaxe da parroquia de...

Morre un peregrino norteamericano en Portomarín

Un peregrino faleceu este mércores no municipio lucense de Portomarín, segundo informou a Garda...

Sociedade Galega de Historia Natural reclama paralizar o proxecto de Altri para Palas de Rei

A Sociedade Galega de Historia Natural emitiu un comunicado no que solicita a paralización...

O BNG presenta máis de 700 alegacións ao proxecto que Altri expón para implantar en Palas de Rei

O BNG presentou na Xunta máis de 700 alegacións contra o proxecto que Altri quere implantar en Palas...