InicioCulturaPaulino Martínez: “A seguridade alimentaria na acuicultura está garantida”

Paulino Martínez: “A seguridade alimentaria na acuicultura está garantida”

O coordinador de Inmunogenom e a agrupación estratéxica BioReDes avalía o rol da investigación en acuicultura na industria e no medio ambiente

PUBLICADA O

- Advertisement -

Chegou o intre de medrar de escala para Inmunogenom, a Rede de Inmunoxenómica de Enfermidades de Peixes e Moluscos. En novembro, encadrouse na agrupación estratéxica BioReDes, que comprende douscentos investigadores en produción primaria; ese mesmo mes, celebrou a primeira reunión investigadores predoctorais no eido da acuicultura. A coordinación de Inmunogenom e tamén de BioReDes é responsabilidade de Paulino Martínez, catedrático de Xenética na Facultade de Veterinaria de Lugo. Así valora o salto de nivel.

Inmunogenom comprende investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Investigacións Mariñas de Corón (CIMA), en Vilanova de Arousa e Ribadeo. BioReDes é unha das sete agrupacións estratéxicas do Sistema Universitario Galego

Cal é a valoración da I Xornada da Mocidade Investigadora en Acuicultura?

É un modelo que valoramos renovar para o ano que vén, gustounos tanto que imos repetir. E non só iso, senón que dentro da agrupación BioReDes imos a ampliar o formato a todos os grupos de investigación vencellados á produción primaria, seguridade alimentaria e sostibilidade ambiental.

Estamos moi satisfeitos co resultado, intentando amplialo non só a Galicia, porque viu xente do norte de Portugal a este congreso. Valoraremos máis adiante levalo a toda España. Este formato permite a interacción dos estudantes, que permite que fagan as primeiras exposicións dos seus traballos de investigación, fogueándose nesta clase de presentacións, que son fundamentais na vida do investigador.

Por outra banda, dentro do formato do congreso houbo dous engadidos moi interesantes. O investigador belga Paul André Van Damme, que traballa en Bolivia, falou da implementación da acuicultura con todos os problemas políticos e de financiación, a relación coas comunidades indíxenas e o aproveitamento dos recursos primarios. É un país en vías de desarrollo con potencial de colaboración e para mobilizar estudantes doutros países.

Contra o final, houbo unha mesa redonda a partir dun traballo de investigación da rede Inmunogenom, arredor do financiamento da investigación: as fortalezas e feblezas, cara onde debería camiñar a investigación, e que tipo de plantexamento debemos facer ás autoridades para o investimento en acuicultura. O debate foi intenso e interesante, tratando diferenzas entre os sectores de molusco e peixe, o xeito de traer o capital científico que marchou fóra…

Gapavet

Respecto da aportación dos xoves investigadores, cales son as tendencias na  investigación en acuicultura?

O que vimos, tamén a partir do estudo que plantexamos, é que as dúas especies máis importantes na investigación en Galicia son o rodaballo e o mexillón, son economicamente as máis importantes e as que percibiron maior investimento. E a meirande parte das presentacións tiveron que ver con estas especies.

Agora ben, é certo que houbo traballos moi salientables nos moluscos, coma a ameixa ou o berberecho, e entre os peixes, a troita arco da vella ou o lenguado, que están medrando en produción e importancia progresivamente. Cada vez hai máis investigadores publicando nestes eidos, e con maior impacto científico que publicacións doutras especies máis importantes.

Hai moita fortaleza, e se visibiliza nos traballos dos estudantes, no tema de patoloxías en acuicultura, e en todo o que ten que ver con xenética e xenómica. Botamos en falla traballos en áreas moi importantes para a acuicultura coma a nutrición e a reprodución, nos que hai máis febleza. Temos que incorporar talento e xerar oportundiades nestas áreas de investigación.

Como se traslada nestes momentos o coñecemento dende a universidade cara o sistema produtivo?

As universidades teñen uns equipos moi activos e formados na transferencia de tecnoloxía. Son técnicos abertos a recabar as necesidades do sector na acuicultura, que coñecen as fortalezas e os equipos das distintas tecnoloxías que poden solventar os problemas da industria.

Non cabe dúbida de que hai unha primeira fase de investigación que é máis básica, pero hai proxectos cun perfil de transferencia terminal, que aceleran a transferencia, coma o que sacou a Universidade de Santiago recentemente; son proxectos con aplicación industrial e explotación dunha investigación xa madura.

Dentro do que é a transferencia, que é fundamental, mellorouse progresivamente no tempo. Hai dez anos falabase de publicar en Nature e Science, nas grandes revistas; e agora se fala cada vez máis de transferir á industria, con proxectos aplicables, que poidan xerar start ups e spin offs dende os grupos, empresas biotecnolóxicas que poidan explotar a información e o capital para resolver os problemas da industria, con distintos formatos e distintos niveis de interacción e integración.

Larva de polbo | IEO
Larva de polbo | IEO

Á marxe do industrial, que hai da reparación do medio ambiente, da reintrodución de especies coma o salmón ou o mexillón de río?

A recuperación de especies amenazadas tenta reproducir en cautividade, nas mellores condicións posibles, para reintroducir e recobrar as poboacións deterioradas a nivel demográfico e xenético, cuestión que está plantexada no marco de proxectos autonómicos e europeos.

No caso particular do mexillón de río, estivemos implicados na análise do estado xenético das poboacións na comunidade; coñezo tamén o plan de reintrodución do salmón, que non foi demasiado exitoso. Hai que estabelecer as mellores estratexias para reverter os efectos medioambientais negativos, para recuperar o ecosistema,  e reintroducir poboacións a partir da cría en cautividade –que debe ser o máis parecido en termos xenéticos ao que había na natureza, para que estea adaptado ás condicións–.

Traballamos moito na xenética para a conservación de especies vulnerábeis. Pero tamén avaliamos, no marco dun programa europeo, o impacto que poden ter os escapes de peixes adaptados a produción nas poboacións salvaxes.

Esta é unha cuestión que está moi presente, que ten que ver coa sostibilidade da acuicultura, para que non impacte negativamente. A normativa europea está a introducir ferramentas lexislativas para evitar que os efectos secundarios da acuicultura, con controis e multas á industria.

En Inmunogenom hai unha parte vencellada ao control sanitario. Cales son os principais desafíos?

En canto á seguridade alimentaria, hai que separar molusco de peixe. Na parte dos peixes, son sanitariamente máis seguros ca os salvaxes: non hai Anisakis, non hai nematodos, non hai determinados parásitos por un control exhaustivo que non pode haber nas poboacións naturais. Na praza é posible este control sanitario, aínda que tampouco hai grandes problemas.

O caso dos moluscos é un caso á parte. Son filtradores, organismos que tenden a acumular as toxinas e bacterias que hai no ambiente, polo que aquí hai un control e unha lexislación moito máis exhaustiva. E incluso os controis son cada vez máis estritos.

Reuninme cos representantes Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos de Galicia (Agade), que queren avaliar o tempo no que o molusco está en condicións de saúde despois de saír da depuradora, e ata que chega ao consumidor. As bacterias que hai no molusco poden seguir reproducíndose, xerando produtos metabólicos e submetabólicos, toxinas. Esta liña está a ser esixida dende Europa. E as depuradoras terán que estabelecer criterios máis estritos con coliformes e salmoniformes (Escherichia coli e Salmonella), e hai interese en coñecer outros tipos de bacterias que poidan supor un risco para a saúde humana.

O que está claro é que hai un control no produto, os controis lexislativos estanse a facer máis estritos, e nese senso a acuicultura é un produto –en moluscos e peixes– nos que o consumo con seguridade alimentaria está garantido.

Bateas na Ría de Arousa | USC
Bateas na Ría de Arousa | USC

Cal é a experiencia na relación entre Inmunogenom e BioReDes?

Inmunogenom foi, dalgunha maneira, a experiencia preparatoria para BioReDes. Estamos sete grupos de investigación en Inmunogenom, hai un financiamento para dous anos de 100.000 euros, que permitiunos desenvolver cursos, obradoiros, congresos e xornadas, contratar investigadores para dar soporte aos grupos en tarefas básicas para todos.

Pero BioReDes é un salto alén: hai un financiamento de 400.000 euros, somos dezaseis grupos de investigación, douscentos investigadores. Vimos moi preparados para esta experiencia complexa, sabemos como facer formación, divulgación, entrelazar as actividades entre os grupos.

Os obxectivos de BioReDes son moito máis amplos. Abrangue non só a acuicultura, senón que abrangue toda a produción primaria, animal, vexetal, forestal, a sostibilidade e a seguridade alimentaria. Inmunogenom móvese a todos estes eidos, un reto moi superior pero partimos dunha experiencia previa moi enriquecedora, que nos permitirá abordar con garantías o reto de BioReDes.

Tivemos unha reunión en Santiago coa concelleira de Educación, quen financiou as agrupacións estratéxicas. Estivemos presentes os directores das agrupacións novas e das que renovan (porque cumpriron os obxectivos), e os vicerreitores de investigación das tres universidades galegas.

Pensaba que ía ser un acto protocolario, de imaxe para a prensa, pero non; gustoume, xerouse un debate sobre a interacción entre os grupos, a xeración de consorcios que poidan abordar tarefas básicas para a sociedade galega… pareceume interesante, porque se fixeron suxerencias para o futuro, para onde teñen que ir as políticas, con moi boa acollida por parte da Consellería.

O Campus Terra consegue unha das catro novas agrupacións de I+D de Galicia

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...