InicioCulturaUn milleiro de universitarios viven o primeiro día de facultade en Lugo

Un milleiro de universitarios viven o primeiro día de facultade en Lugo

O Campus Terra facilitou a iniciación do novo alumnado cunha xornada dinámica na Facultade de Veterinaria que incluíu actividades culturais

PUBLICADA O

- Advertisement -

Este curso universitario comezou de xeito diferente en Lugo. Os responsables do Campus Terra prepararon unha xornada de acollida para o novo alumnado, reunido na Facultade de Veterinaria canda o persoal dos distintos servizos e programas. Foi unha benvida dinámica, na que os alumnos de primeiro puideron informarse sobre a oferta da Universidade ao tempo que participaban, en conxunto, das actividades lúdicas propostas dende a Vicerreitoría.

Entre os postos informativos instalados en Veterinaria estiveron presentes especialistas das áreas de Cultura, Orientación Laboral, Bibliotecas Intercentros, o Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico (Cactus), o Centro de Linguas Modernas (CLM), a Oficina de Desenvolvemento Sostible, a Oficina de Igualdade de Xénero, a Oficina de Relacións Externas, o Servizo de Deportes, o Servizo de Normalización Lingüística e mailo Servizo de Participación e Integración Universitaria (Sepiu).

Asemade, no centro do Campus de Lugo houbo tempo para gozar dun programa de actividades culturais, que comprendeu a animación musical, danza (zumba) ou proxeccións audiovisuais. A xornada completouse coa correspondente representación institucional: a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e os adxuntos para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, e para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, co acompañamento do secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díaz de Castro, o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e maila rexedora da cidade, Lara Méndez.

O encontro universitario coincidiu coa primeira xornada de clases do curso académico, unha imaxe vibrante celebrada por Díaz de Castro, que sinalou que o campus de Lugo ten “calidade e capacidade de sobra para atraer cada ano máis alumnado”. Pola súa banda, Valcárcel animou os novos universitarios a demandar información e crear un feedback co que mellorar a estadía e o coñecemento adquirido.

Cómpre salientar que a xornada de benvida enmárcase dentro do plan de acción do proxecto Campus Terra, financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Este plan aspira a fomentar a especialización da sede universitaria lucense arredor do concepto Terra, entendido dende unha perspectiva interdisciplinar, isto é, económica, medioambiental, social e cultural. Entre outras novidades, Lugo oferta este curso o Grao en Paisaxe, único en España.

Tres titulacións do Campus Terra seguen a ser as mellores de España

ÚLTIMAS

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...

A Xunta só dá 10 días para consultar o expediente de Altri a 75 persoas interesadas

A Consellería de Economía e Industria recoñeceu a 75 persoas como interesadas no proxecto...

O PP lucense esixen a Tomé unha repartición “igualitaria” dos convenios da Deputación

Alcaldes e concelleiros do Partido Popular dos 67 concellos lucenses concentráronse este venres ante...

Dous detidos por estafar máis de 30.000 a unha empresa de Lugo

A Garda Civil de Lugo identificou a dous veciños de Cataluña que supostamente estafaron...