InicioCulturaA nova Vicerreitora analiza o futuro do Campus Terra

A nova Vicerreitora analiza o futuro do Campus Terra

Entrevista con Montserrat Valcárcel, que tomou posesión o 5 de xuño coma nova Vicerreitora de Coordinación do Campus Terra de Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

Papeis por todo o escritorio. Nótase que Montserrat Valcárcel e o seu equipo apenas levan días instalados na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. Resultou complicado atopar un oco para esta entrevista, despois do comezo do mandato foron todo reunións co persoal do Campus Terra. Ás portas do verán, hai un curso académico por organizar e novos plans por implantar. Natural do Incio, a nova vicerreitora corresponde ao espírito natural e cercano da candidatura vencedora.

A toma de posesión foi o 5 de xuño. Como van as primeiras semanas?

O tempo vaiche no día a día, no que tes que facer, nas entrevistas para irte enterando de todo, mirar as contas, facer os actos. As horas do día fan falta todas. É unha experiencia bonita, si, sobre todo o trato coa xente.

Outro xeito de traballar, un grupo máis xove ca o precedente.

Penso que foi o principal, a proximidade que notou a xente. É outra filosofía, mantívose o mesmo tono, e non modificamos a idea do cambio.

Tres de cada catro estudantes votaron por esta candidatura. Que implica este dato?

Implica moita responsabilidade, ver que tes tanto apoio, que a xente confía e ten tantas expectativas. Dá un peso maior, hai que dedicarlle aínda máis para cumprir con esas expectativas.

Cando poderá verse o cambio?

Comezaremos con accións a corto prazo, que sexan visibles. Pero a estabilidade do profesorado e do Persoal de Administracións e Servizos vai levar un tempo. De cara ao vindeiro curso xa estaba todo case pechado, a estas alturas todo estaba xa organizado, como ten que estar: graos a implantar, Plans de Organización Docente… aí non hai moita modificación que poidamos facer. O verán será o momento de recargar pilas e despois comezar o curso.

Doutora en Enxeñaría Agrónoma, investigadora en Hidráulica e Hidroloxía. É boa coñecedora do Campus Terra, das instalacións e do persoal. Cal é o peso do Campus dentro do Sistema Universitario Galego?

O maior peso é na investigación e na docencia en todo o referente á terra: as enxeñerías agrónoma, montes, veterinaria. Todo o rural. Responde moi ben á implicación da provincia co agroforestal. Presentouse hai unha semana a Agrupación Estratéxica do Campus Terra, que pilotará sobre a agricultura, forestal, medio ambiente e cun peso importante da acuicultura. Sen esquecer a gandería, temos moito campo para a investigación, sobre todo para a transferencia á sociedade, as industrias de transformación que hai en Lugo e no resto de Galicia. Interésanos moito esa relación, que a universidade sexa útil.

Montserrat Valcárcel, Vicerreitora do Campus Terra | Óscar Bernárdez
Montserrat Valcárcel, nova Vicerreitora de Coordinación do Campus Terra de Lugo | Óscar Bernárdez

É unha era na que a formación e a investigación son determinantes no sector primario.

Agora o factor diferencial está aí. Interesa a industria de transformación, non soamente a producción e a exportación en bruto. Hai un campo moi importante en canto ao uso de drons e robótica no agro. É a tendencia, o que queremos é unha maior implicación dende a universidade, coma lugar de referencia para as empresas, para consultas, xornadas, traballos e proxectos conxuntos… e as prácticas externas do alumnado, que teñen moi boa acollida nas empresas e por parte do alumnado, que nota un cambio importante, porque van coñecendo o mundo laboral, aínda que non sexa remunerado ao principio.

O novo goberno central inaugurou unha nova organización ministerial. Hai un novo Ministerio da Transición Ecolóxica, que por primeira vez agrupa os eidos de Cambio Climático, Medio Ambiente e Enerxía. É esta a liña a seguir na universidade?

Si, evidentemente. Eu tamén salientaría, entre os novos ministerios, este coma o máis novedoso. Presupón un cambio cara a interdisciplinaridade, cara o que ten hai que tender, a universidade a primeira. Non por ter áreas de coñecemento estanco, senón colaboración para afrontar problemas desde diversos puntos de vista. Paréceme un acerto ese concepto, sobre todo de cara ao sector da enerxía, que será un dos máis relevantes nos vindeiros anos.

Fai falla pedagoxía dende a universidade para aproveitar potencialidades das que aínda non somos conscientes.

A crave está en valorizar o que temos. Pasounos históricamente, coma coa exportación de enerxía hidráulica, da que non nos beneficiamos. E o mesmo pasa nas explotacións, non se aproveita a enerxía da biomasa. Pero hai que darlle unha volta e precisamos distintas visións para decatarnos diso.

Cal é o cambio que lle espera ao Campus Terra?

Sobre todo queremos recuperar autoestima. Penso que ás veces hai pesimismo xeralizado que temos que modificar. Hai que crer en nós mesmos, nas nosas capacidades que temos aquí. É algo que se foi perdendo. Con ilusión poderemos abrir novos horizontes, para que a xente aposte por seguir aquí. Hai que tentar abrir portas para que se poidan asentar os investigadores, para o profesorado que leva anos paralizado. Pero en catro anos, pouquiño a pouco. 

É satisfactorio o modelo de colaboración coa Universidade de Santiago?

Sempre é un handicap a distancia. É insalvable. A maior parte do equipo de goberno está en Santiago e nós somos unha minoría. Pero a dispoñibilidade do equipo é grande e salvaremos ese escollo. O Campus de Lugo perdeu alumnado, xa non é o de hai anos, partimos dunha cidade que non é a máis atractiva para o resto de Galicia, non así para os de fóra, que ven en Lugo unha cidade amigable, aínda que non resulte tan atractiva como Santiago.

Lugo quedou apartada en moitos sentidos.

É unha combinación de todo, é un desafío. Eu gostaría de mostrar Lugo e demostrar que é unha cidade cómoda para vivir, tamén para os estudantes. A formación ten un valor engadido na especialización, e persoal de administración e profesorado con moitas gañas. Quero transmitir iso, que se viva Lugo, convencer a quen quere estudar de que esta é unha das opcións fortes. 

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...