InicioCulturaCheché Real: “A xente sorpréndese do tipo de degustación que facemos na...

Cheché Real: “A xente sorpréndese do tipo de degustación que facemos na Vuelta”

O presidente dos hostaleiros lucenses congratúlase da visión dos produtores e reguladores que promocionan a gastronomía de Lugo en cada etapa da Vuelta

PUBLICADA O

- Advertisement -

Por sétima vez consecutiva, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo (APEHL) promocionará en La Vuelta 2018 a gastronomía da provincia a través do posto da marca …E para comer, Lugo. Aproveitando a recente etapa que saíndo de Mondoñedo percorreu A Mariña, o presidente da patronal hostaleira, Cheché Real realiza un primeiro balance da campaña. Un balance que inclúe o apoio imprescindible da Axencia de Turismo, a colaboración con reguladores e produtores lucenses, e a visión e coñecemento da Asociación de Cociñeiros da Mariña, coa que espera seguir sumando esforzos.

Como reciben os asistentes ás etapas a promoción de … E para comer, Lugo?

A promoción, a atención da xente é magnífica. De feito, é o sétimo ano consecutivo que imos a promocionar os produtos e o turismo de toda a provincia de Lugo. Este ano como novidade levamos, en tres etapas, a cociñeiros da Asociación de Cociñeiros da Mariña: en Salamanca, Mondoñedo e Candás realizaron degustacións preparadas in situ.

Que comentarios vos chegan?

A xente sorpréndese. Sorpréndese do viño, da mel, das castañas, das galletas mariñeiras que acompañan ao queixo do Cebreiro, do pan que temos, que é magnífico, das empanadas, das fabas, dos pementos de Mougán, da raza de galo de Mos… sorpréndense de todo! Fáiselles a distinción do que é o Bonito do Norte do Bonito de Burela, que sendo semellantes, non son o mesmo. Todas as cousas, das patacas, dos grelos sorpréndense moito.

É do que se trata. De explicar que non damos ovella, que damos chuletiñas de cordeiro da Denominación de Ovella Galega. En realidade, sorpréndense do tipo de degustación que se fai ao longo das vinte e dúas etapas, porque non é unha degustación habitual, que soe ser moito máis sinxelo.

Asociación de Cociñeiros da Mariña
Asociación de Cociñeiros da Mariña

Entendo que as entidades colaboradoras, os reguladores e produtores están ledos con este labor.

Si, levamos sete anos levando todas estas Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) e Denominacións de Orixe. Como dicía o outro día a conselleira de Medio Rural [Ángeles Vázquez], das 33 que hai en Galicia, 15 están presentes connosco na Vuelta. Este ano incluso, algo tarde, incorporamos o Porco Celta, que mandou chourizo e touciño para as Fabas de Lourenzá. Este ano incorporouse a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA) e a Leite Galega 100 %, que é unha aposta de Medio Rural, da directora xeral [Belén do Campo].

Amais da gastronomía, que é un atractivo fundamental de Lugo, repartides a guía turística. Que información recibe quen se asoma polo posto?

A guía leva quince anos en funcionamento, todos os anos preséntase en FITUR e durante estes últimos sete anos estivo presente en todas as etapas da Vuelta Ciclista. Repártese xunto con outros dípticos e trípticos, e outro tipo de promocións, de diferentes puntos da provincia de Lugo. A guía, en concreto, cada ano ten un título diferente e adícase, iso si –é algo que temos moi claro– a promocionar a provincia de Lugo no seu conxunto: nada de lugares, zonas, localismos. A provincia de Lugo.

Comentaba o director da Vuelta, Javier Guillén, que aspiraban a que fose máis ca un evento deportivo. Está a mudar este evento?

A Vuelta é, evidentemente e en primeiro lugar, un acontecemento deportivo de primeirísima magnitude. Javier Guillén referiase á zona VIP, onde hai degustacións para a xente que previamente, e somentes na saídas, se achega a desfrutar do ambiente, xunto cos equipos, cos ciclistas pertos da zona VIP onde se poden degustar e ver diferentes produtos e localizacións turísticas de distintas provincias.

Non hai que esquecer que o primeiro obxectivo é deportivo e así se está a cumprir. Pero está ven que dixera isto, porque anímanos a seguir promocionando, grazas a Xunta de Galicia, a Axencia de Turismo, a directora xeral Nava Castro, que é a que nos facilita este acceso, que sería imposible para unha entidade cativa coma a nosa.

A duodécima etapa foi moi especial, saíndo de Mondoñedo e percorrendo toda A Mariña, de Ribadeo a O Vicedo. Que extrae o potencial visitante da espectacular realización da Vuelta?

A realización é espectacular, ti o acabas de dicir, non somentes a que toca A Mariña ou Galicia, calquera punto de España polo que pasa. Esta promoción vai acompañando ás nosas degustacións e a toda a promoción das guías dentro dos stands. As imaxes magníficas e os comentarios dos speakers da Vuelta conleva, en moitos casos, que o espectador pense en visitar os lugares que está a ver. Tres ou catro helicópteros grabando, explicacións turísticas da zona na que se está a competir… é impresionante.

Martín Barreiro dicía que o que o turista debe entender por bo tempo na Mariña é un tempo distinto do que está acostumado a ver en destinos de praia.

Para nós un bo tempo de trinta e pico graos non é bo tempo, é agobiante; e para outros é un tempo magnífico de 23 graos, coa auga entre 20 e 21 graos. Hai para elixir, aquí en Galicia, saíndo da provincia de Lugo, temos un abano enorme con moitas variables en canto a temperaturas de auga e ambente.

Cheché Real: “A Lugo só lle falta unha pista de esquí”

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...