InicioCulturaAntón Reixa: "Percorrendo as corenta edicións de Pardiñas podes ver a evolución...

Antón Reixa: “Percorrendo as corenta edicións de Pardiñas podes ver a evolución da música en Galicia”

O integrante dos Resentidos e icona fundamental da música do noso país formará parte do elenco de artistas que se subirán ao escenario do Festival de Pardiñas para festexar o corenta aniversario desta cita que se celebra todos os anos en Guitiriz. "Cantando as corenta", que así se chama o espectáculo, poderá desfrutarse este domingo ás 10 da noite. Eis a conversa con Antón Reixa.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Antón Reixa é unha das persoas icónicas da música reivindicativa no noso país. Integrante dos Resentidos, ese grupo que impulsou musicalmente a mobilización dunha sociedade que espertaba logo dos anos escuros do Franquismo, Antón Reixa conversa sobre a proxima parada que fará no Festival de Pardiñas (Guitiriz) este domingo, 4 de agosto; sobre a música de hoxe en día, os seus plans de futuro e os recordos que garda da movida viguesa.

Agora o politicamente correcto encorseta máis o ocio popular e a creación“, conta. Daqueles anos 80 da eclosión artística, quizais, habería que recuperar e traer ao presente esa “frivolidade que viña asociada á tolerancia, á liberdade de expresión e á sinceridade individual e colectiva”. Co pouso de levar case media vida no eido da música e da cultura, Reixa fala de seguido sobre que poderiamos recuperar daquel movemento punk tan rompedor. Eis a conversa.

PRÓXIMA PARADA: FESTIVAL DE PARDIÑAS

Na próxima fin de semana formarás parte dun concerto producido en exclusiva para celebrar os 40 anos do Festival de Pardiñas. En que vai consistir? Como xurdiu a idea de “Cantando as corenta”?
A iniciativa de organizar este evento con motivo do 40 aniversario do festival de Pardiñas a min vénme a través de Xurxo Souto. Trátase de concentrar o domingo unha serie de artistas que ao longo destes anos fomos participando en Pardiñas, unha cita moi especial porque é un festival organizado polos veciños do pobo e que sempre está moi pendente da actualidade musical galega. Tamén son moi abertos de criterio, porque aínda que é un festival case directamente vinculada ao folk, inclúe outras tendencias. Lembro con moito agrado a actuación dos Resentidos nos anos 80…
O acto estará guiado por unha banda base conformada por Xurxo Souto e outros músicos, e xunto a esa banda base iremos saíndo unha serie de colaboradores como Susana Seivane, Pepe Vaamonde, Xosé Manuel Pereiro -vocalista de Radio Océano-… Será un show que durará tres horas e comezará partir das dez da noite.
“Percorrendo as corenta edicións de Pardiñas podes ver a evolución da música popular en Galicia”
Que te une a Pardiñas? Que cres que ten de especial este festival que o diferenza do resto?
Ademais da perseveranza no tempo, teñen o carácter de ser gratuítos. E ademais Pardiñas é unha iniciativa impulsada por Xermolos, unha asociación que con moita enerxía veu mantendo este festival, que non é fácil ao longo de tantos anos. Percorrendo as corenta edicións de Pardiñas poder ver a evolución da música popular en Galicia. Ademais é un lugar especialmente bonito e entrañable.
“O problema é que se concentra demasiado esforzo económico nos eventos grandes e se descoida a sostibilidade da industria musical de todo o ano”
Hoxe en día hai unha morea de festivais, sobre todo nesta época do verán… Cal é a túa opinión sobre o negocio dos macrofestivais? Semella que se dá forte investimento público ao Son do Camiño ou ao Caudal Fest mentres se retiran axudas aos máis cativos.
Coa primeira música profesional nos anos 90 foi coa que comezou este formato de festivais, que en principio teñen o atractivo de que son carteis que programan para dous ou tres días de espectáculo, e integran unha oferta sempre variopinta. Eu recordo participar no Doctor Music nos Pirineos e estabamos desexando rematar para escoitar os seguintes grupos que viñan. Teñen o ingrediente de que ofrecen catálogos heteroxéneos, aínda que algúns teñen certa unidade estilística. O problema é que se concentra demasiado esforzo económico nese tipo de eventos e, polo outro lado, descóidase a sostibilidade da industria musical de todo o ano. Eses festivais nos que é fundamental que aparezan nomes consagrados non debería distraer a atención a outras fórmulas de promoción do novo talento, que ten realmente dificultades para emerxer.
“Recordo un concerto en Redondela no que só estabamos nós e miña nai”
Cal é o escenario no que te sentes máis cómodo?
Un artista debe aspirar a sentirse cómodo en todos os escenarios. Ao longo dos anos tiven a sorte de tocar en Barcelona na festa da Mercè e foi realmente impresionante, se mo chegan a dicir antes posiblemente me tería asustado. Recordo tamén un concerto en Redondela no que só estabamos nós e a miña nai! Unha posta en escena sempre ten algo que ver co conxunto do concepto de espectáculo que un quere ofrecer e eu síntome especialmente ben en calquera tipo de escenario.
A entrevista completa no Galicia Confidencial.

ÚLTIMAS

Polémica por 300 hectáreas de monte veciñal no paraíso hippie de Negueira de Muñiz

É posible atopar restos de neve nos costados da sinuosa estrada que descende desde...

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...