InicioCulturaBenedicta Sánchez: a vida de película desta muller do Corgo antes de...

Benedicta Sánchez: a vida de película desta muller do Corgo antes de ser unha estrela en Cannes

Ela é unha das protagonistas do filme 'O que arde', de Oliver Laxe, pero tamén paga a pena escoitar a súa propia historia: liberdade, intelixencia, amor polos animais, rebeldía fronte ao que lle viña imposto, ganas de coñecer mundo.... Eses son os asuntos que recollemos nesta primeira parte da conversa con Benedicta.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Benedicta Sánchez (O Corgo, 1935) non lle gusta amarrarse a nada. Di que o mellor piropo que lle botaron na súa vida foi cando lle dixeron que era a muller máis libre, independente e salvaxe que coñeceran. Ultimamente ponse moito diante das cámaras, mais o contacto que tiña con elas limitábase á súa etapa como fotógrafa no Brasil. Saltou á fama por ser unha das protagonistas do filme ‘O que arde’ (Oliver Laxe, 2019), pero son os seus ollos os que arden ao falar da súa vida de película.

Sabedora de que a súa historia xa era impresionante antes de ser “a muller que disque puxo O Corgo no mapa”, Benedicta arrinca a falar coa súa “lingua de trapo” e combina a calma que transmite coa enerxía que ten no corpo.

— Unha vez pola matanza, cando eu tiña 14 anos, miña nai tivera ciática. Ela preguntou quen había remexer o sangue dos cochos, porque ela non podía coa dor. Meu pai dixera: ‘e quen a vai remexer? Esta moza!’ [abre os ollos coma pratos] Medrei dous palmos nese momento! Aquela noite non durmín coa felicidade que tiña! Eu era unha moza!, era alguén! Declarárao meu pai! Cando chegou a mañá, os homes empezaron a afiar os coitelos, agarraron o cocho, tirárono no banco para clavarlle o coitelo e o animal berraba… Eu tirei co balde, saín correndo… Non sei onde fun parar… Non o aturaba.

Benedicta decidiu facerse lácteo-ovo-vexetariana nunha época na que ninguén falaba de tal. Por moito que lle doera o sufrimento dos animais, ao principio tampouco a ela lle collía na cabeza un tipo de alimentación carente de carne. Fora o que vira sempre, explica. Cando chegou a Lugo e tivo acceso a libros que falaban da posibilidade do vexetarianismo, abríuselle “un mundo”. “Eu tiña razón! Os errados eran os outros!”, sostén con énfase.

— Claro, daquela comprábanse os animais vivos no mercado e logo había que matalos na casa. Eu ata tiña complexos, porque me dicían aquilo de “cando se case, vai ser o maridiño quen lle teña que matar a pita e o conexo”. Burlábanse de min así. Eu non aguantaba ese peso. […] Vexo os animais e quero que sexan libres. E eu tamén! Porque esa cousa de amarrarse… Non me gusta en ningún aspecto da vida.  […] Miña nai dicíame que ese mundo que eu soñaba non existía. “Pois eu o teu non o quero!”, dicíalle.

E Galicia tampouco lle daba aquilo no que cría. “Eu son galega e defendo a Galicia con unllas e dentes, pero sempre me queixei. A min non me tratou moi ben”, conta. Seu pai, por exemplo, estivo preso durante dous anos no que hoxe é o Vello Cárcere de Lugo. “Tiña unhas ideas que non gustaban e buscábanlle as cosquillas para poder levalo…” Benedicta Sánchez desexaba marchar ao outro lado do Atlántico.

 Un día atopo un chico que viña de Fraialde (Pol). Baixiño, flacucho, feucho… Tiña uns ollos moi bonitos, iso si. Teño dito moitas veces que, co chula que eu era, se estou nunha festa e me vén sacar a bailar… Diríalle “pero ti que pensas?” Pero mira ti por onde empezamos a falar e… [cala un anaco] Nena, que me prendeu. Totalmente. Dicíame “usted hace muy bien en estudiar, porque el hombre generalmente se aprovecha de la mujer, la considera inferior….”  e cousas así. Tamén era crítico co sistema tan ríxido da Igrexa, coma min. Empezou a tocarme nas teclas que eu tanto gustaba… Claro, o que el me dicía conxeniaba ben co que eu lera nos libros de meu pai. Non me falaba de fútbol nin de cousas baladíes. Este non! Este tiña contido!

Casou con aquel rapaz cando tiña só dezasete anos. Non foi tan bonito como lle parecía. Non era a vida que ela ideara e, como tampouco estaba disposta a renunciar a iso, marchou para a casa dos pais, para Lugo, para Barcelona… Ansiaba a liberdade que non tiña por ser muller casada, tamén durante a súa estadía no Brasil. Alí capturou vidas a través do obxectivo da súa cámara, pero debía entender que a súa non estaba de todo liberada, porque rematou por fuxir logo de tecer as do demo para logralo. Deixou o marido e volveu para Europa coa filla.

— Como di a canción: ‘A mi manera’. 

[ Esta peza terá unha continuación que se publicará este 26 de xullo no Lugo Xornal. ]

Benedicta Sánchez, a corguesa que triunfou en Cannes: “Se vexo arder Galicia é como ver arder a miña nai”

ÚLTIMAS

Nova oficina do SEPE en Lugo, pola que pasarán 27.000 veciños ao ano

A antiga Escola de Enfermaría de Lugo acolle a nova oficina do SEPE na...

Conmemoran a batalla do Porto de Bois e reivindican “Altri non”

Coincidindo coa xornada de conmemoración da batalla de Porto de Bois, xuntouse un grupo...

Lugo rexistra un terremoto de magnitude 3.6 que se fixo notar

Un terremoto de magnitude 3,7 na escala de Richter con epicentro en Sarria foi...

Un policía local de Lugo fóra de servizo practica un RCP e sálvalle a vida

Un policía local de Lugo que se atopaba fóra de servizo practicou unha manobra de...