InicioMedioambiente e PatrimonioA batalla contra a velutina acada o corazón do Bierzo

A batalla contra a velutina acada o corazón do Bierzo

A vespa asiática avanza imparable por Galicia e ameaza agora o ecosistema e motor económico da comarca leonesa

PUBLICADA O

- Advertisement -

Esta semana produciuse o primeiro avistamento da velutina en Ponferrada. A comezos de verán esta especie invasora chegou a Valdeorras, no límite entre as provincias de Ourense e León, xerando inquedanza entre os apicultores e agricultores do Bierzo. En xullo, o goberno autonómico certificou que a vespa asiática atravesara o río Cabrera, internándose na comarca berciana. Malia que a Junta leva dous anos monitorizando este avance, carece de alternativas aos métodos de contención que fracasaron en Galicia.

A vespa velutina negrotórax apareceu en 2012 na Mariña lucense. Para 2014, os efectos sobre abellas, vides e froiteiras comezaban a debatirse no Parlamento Europeo. A expansión foi tal que en 2016, os gobernos galego e castelán-leonés iniciaron programas de control, aínda que limitados á captura selectiva das raíñas e á coordinación de avisos de retirada de niños. A praga afectaba daquela a zonas húmidas de toda a costa galaica, en especial ao Val Miñor e o norte de Lugo e A Coruña.

Ese mesmo ano, o Parlamento de Galicia rexeitou cos votos do Partido Popular a proposta de trampeo masivo que impulsaba o Bloque Nacionalista Galego, e que como solicitaba a Asociación Galega de Apicultura (AGA), debía ir acompañado do financiamento de investigacións acerca de ferramentas non convencionais, de tipo biolóxico, para acabar coa velutina sen ferir outras especies.

O goberno galego limitaríase a realizar pequenas achegas e entregar trampas aos apicultores, mentres os axentes da Xunta –nomeadamente, os Grupos de Emerxencias Supramunicipais e Protección Civil non garanten a retirada dos niños por falta de medios. O peso da loita contra a velutina recaeu nos concellos, apicultores e veciños, que adoitan contratar empresas privadas para estas tarefas.

A falta de coordinación entre as corporacións locais e a ausencia de especialistas para o control da vespa asiática conduciu a unha situación límite neste 2018. Fronte á consolidación da especie invasora en territorio galego, AGA recorreu á Universidade de Vigo, e de xeito paralelo, a Deputación da Coruña comezou a colaborar coa Universidade de Santiago de Compostela.

Investigadores e ecoloxistas coinciden en que os métodos paliativos resultan ineficaces, e advirten de que erradicar a velutina é imposible. Porén, confían en que os estudos permitan obter un parásito que ataque selectivamente á vespa asiática, ou perfeccionar a interdicción das feromonas sexuais, rachando a capacidade reproductiva do insecto. E apuntan a que as arpas eléctricas instaladas nas colmeas de abellas poden resultar máis efectivas ca as trampas con cebo, que ocasionan danos colaterais. 

Así e todo, os medios para a investigación son limitados, do mesmo xeito que as ferramentas das administracións municipais. Por iso, o pleno da Deputación de Lugo esixiu á Xunta a declaración de praga da velutina, con aportacións de todas as formacións, para garantir os recursos precisos no control e eliminación dos niños, e financiar estudos nas universidades. Pero o executivo galego di que carece das competencias, e agardará a que se pronuncie o Ministerio para a Transición Ecolóxica.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...