InicioMedioambiente e PatrimonioO PSdeG presiona á Xunta para declarar praga a avespa velutina

O PSdeG presiona á Xunta para declarar praga a avespa velutina

Os socialistas irán alén das propostas de contención da velutina do BNG e presentarán unha moción en todos os concellos da provincia e maila Deputación

PUBLICADA O

- Advertisement -

Nas últimas semanas, a problemática da avespa velutina voltou á axenda pública. Malia que recentes casos de ataques a humanos en Galicia non poden adscribirse unicamente á expansión desta especie invasora, a consolidación da presenza deste véspido asiático no país incrementou a presión social para iniciar medidas de control. Xa en 2016, o pleno do Concello de Lugo aprobou unha iniciativa do Bloque Nacionalista Galego ao respecto. Esta formación tamén tentou que o Parlamento de Galicia coordinase unha campaña de trampeo masivo, mais atopou a reticencia do Partido Popular. Agora, será o Partido dos Socialistas de Galicia en Lugo o que aumente a presión sobre o executivo autonómico.

A dirección do socialismo lucense irá alén das propostas do Bloque, instando cunha moción en todos os concellos da provincia e na Deputación a declaración de praga da avespa velutina. Este curso de acción obrigaría a que fose a Xunta de Galicia a que achegue os recursos económicos para frear o avance da especie, tarefa agora en mans das administracións locais. O PSdeG defende a declaración polas consecuencias sobre a salubridade, a economía e o medio ambiente.

Lembran os socialistas que a avespa velutina apareceu por primeira vez na Mariña lucense, mais está presente xa en toda a xeografía galega. O secretario xeral do PSdeG en Lugo, Álvaro Santos, desprazouse ata O Valadouro para coñecer os traballos que concellos, avicultores e veciños están a facer para controlar a expansión deste insecto, que segundo explicou o secretario de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Edmundo Maseda, antes aparecía só en hábitats cálidos

O tamén alcalde do Valadouro indicou que a velutina anteriormente só atacaba ás abellas, supoñendo xa grandes perdas económicas. Por exemplo, no Valadouro, onde o mel está recoñecido e conta con distintos galardóns a nivel nacional, a vespa matou a miles de milleiras de abellas na tempada pasada, deixando a ducias de profesionais sen produción algunha. Hai casos nos que puxo fin ás 50 colmeas dun mesmo produtor, deixándoo sen mel. Hoxe este depredador, pois é carnívoro, ataca outros cultivos como os de uvas, figos ou mazas, chegando incluso a comer carne ou pescado. Polo tanto, as consecuencias económicas vanse agravando. 

Os niños sempre se situaban en zonas altas, pero hoxe xa aparecen soterrados. Ao respecto da limitación de medios, Maseda apuntou que os GES, os únicos axentes que ofrece a Xunta, só poden acceder a niños situados a non máis de 6 metros de altura. Isto provoca que Concellos, avicultores e veciños en xeral se fagan cargo da súa retirada cos medios cos que conten. A situación é tal que, explica o rexedor do Valadouro, moitos cidadáns se queixan de ter chamado aos teléfonos de emerxencia que ofrece a Xunta de Galicia e agardar semanas a que aparecese algún efectivo, sen que isto sucedese finalmente.

Así, unha das medidas que tomou a Xunta foi ofrecer ás patrullas de Protección Civil tan só traxes para erradicar niños, o que supón “un perigo para estes voluntarios, pois nin lles ofreceu formación e información específica sobre a especie, nin máis medios necesarios para contraatacala”. O goberno galego aconsella a compra de trampas ou líquidos con prezos duns 12 euros. Isto leva a que os cidadáns fagan as súas propias trampas “por céntimos” e merquen os produtos que requiren “ao prezo que determine o mercado”.

Por outra banda, o PSdeG lucense solicita a elaboración dun estudo técnico pormenorizado para, non só tentar ter unha maior precisión na localización dos niños, senón, principalmente, coñecer o ciclo biolóxico da vespa velutina, o seu comportamento, evolución, adaptación, consecuencias para a salubridade ou o medio ambiente, pois xa está a atacar a outros polinizadores ademais das abellas, alterando a natureza. Ademais, existen experiencias noutros países que contribuirían a un coñecemento co que tentar controlar esta especie.

 

ÚLTIMAS

Controlado o incendio da Fonsagrada, que afecta a 65 hectáreas

Un incendio permanece activo no concello lugués da Fonsagrada, onde ata o momento arderon un...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

A muller de Lugo que denunciou á súa ex parella declara que tentaba forzala “todas as noites”

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este xoves o xuízo contra un home de...

Conclúe a inspección da nave de Mazoi calcinada este martes e a empresa desconfía de que fose provocado: “Non sei como prende unha nave...

A Policía Científica deu por concluída este mércores a inspección da nave de reciclaxe da parroquia de...