A alcaldesa do municipio lucense de Vilalba, Marta Rouco (PSOE), someterase o xoves, día 9 de abril, a unha cuestión de confianza vinculada aos orzamentos de 2026, tras o seu rexeitamento no pleno ordinario do pasado mes de marzo.
Nun comunicado, o Concello de Vilalba explicou que a sesión, que terá lugar a partir das 9,00 horas, incluirá tamén a aprobación do contrato de subministración eléctrica para as instalacións municipais.
A rexedora sinalou que “os orzamentos constitúen unha ferramenta fundamental para o funcionamento do Concello e para a planificación da actividade municipal ao longo do ano”.
Neste sentido, destacou que a cuestión de confianza “é un mecanismo previsto na normativa, que permite continuar coa tramitación do proxecto orzamentario dentro do procedemento establecido”.
No caso de que a cuestión de confianza salga adiante, o proxecto de orzamentos quedará aprobado inicialmente. No caso contrario, abrirase un prazo no que poderá formularse unha proposta alternativa de goberno, conforme ao establecido na lexislación vixente.
Con esta convocatoria, o goberno municipal de Vilalba sinalou que continúa coa súa planificación administrativa e coa tramitación dos instrumentos necesarios para o funcionamento ordinario dos servizos municipais.
