InicioCulturaCheri Grandío: “A Feira do Capón ten que evolucionar dun xeito distinto”

Cheri Grandío: “A Feira do Capón ten que evolucionar dun xeito distinto”

A concesión da Indicación Xeográfica Protexida obriga a cambios nun sector envellecido que ten na Feira do Capón o maior escaparate

PUBLICADA O

- Advertisement -

Vilalba vive este venres a sobranceira Feira do Capón, a partir das once e ata as dúas. Sesenta criadores participan da tradicional ocasión, aínda que menos da décima parte están en condicións de afrontar as esixencias de ser Indicación Xeográfica Protexida pola Unión Europea. Cheri Grandío, concelleira de Cultura, Feiras e Mercados, asume que, “como pasou co Queixo de San Simón da Costa, é medrar ou morrer” para moitos produtores. No entanto, agarda que novas empresas dean a coñecer o produto en outros países durante todo o ano, esixindo a trazabilidade comparable co capón que se reserva para o Nadal.

Que significa para Vilalba o capón?

Signifícao todo practicamente. O capón é o embaixador de Vilalba polo mundo, dicir capón de Vilalba é poñer a Vilalba no máis alto. É un produto que foi pagador de rendas na súa época, e que se segue mantendo e máis co alto valor gastronómico que ten nestes momentos. Grazas ao capón, coñécese a Vilalba por todo o mundo.

Cales son as cifras de criadores e capóns para este ano?

Temos un censo de cría semellante todos os anos, de mil oitocentos capóns, para que nin sobren moitos capóns, nin falten moitos capóns. Pero claro, depende do ano, da demanda e de que haxa bo produto. Criadores, véñense mantendo uns sesenta, que están en idade bastante avanzada, con cinco ou seis criadores máis novos. A media é bastante elevada.

Cada vez son máis os vendedores que venden dende a casa, pola idade que teñen recelan de ir á feira. Calculabamos uns quiñentos capóns para a venda, pero parece ser que hai moita demanda; onte [polo mércores] fixemos números para saber canto capón vén á feira, e sobre douscentos oitenta. Levei unha sorpresa moi grande, hai moitísima xente que nunca probara o capón e este ano está decidida a probalo.

Galiña de Mos

En termos de visitantes, cal é a importancia do capón para Vilalba?

Todo. Vén xente de moitísimas zonas de España e incluso de fóra, aproveitando as vacacións de Nadal. O capón fai que moita xente aproveite para coñecer Vilalba e un produto gastronómico marabilloso.

Estes anos en que coincidiu fin de semana, aloxamentos e restaurantes do centro e arredores estaban completos, sen sitio nin para as comidas. É unha afluencia moi grande de xente para Vilalba.

Manterase a feira en venres?

Iso hai que ilo mirando, sempre con tempo. A min gústame asesorarme cos criadores, con quen realmente tes que contar para a matanza e para estimar a asistencia á feira, e que dea tempo a que o produto sexa enviado a calquera punto de España.

As datas están sen determinar. Hai anos facíase en días fixos, o 19, despois o 21. Nos últimos anos fíxose na fin de semana, pero por caprichos do calendario, podía coincidir moi mal, pola proximidade da Noiteboa, e o produto non daba chegado. A fin de semana anterior é moi lonxe, situación que ás veces obriga a facelo pola semana, como pasou o ano pasado e este ano.

De momento, imos seguir así. Para o ano, veremos o que deciden os criadores. Podería facerse en fin de semana. Uns mes antes gustaríame reunirme con eles e decidir a data.

Unha feira coma a do capón pode ser chave para desestacionalizar o turismo?

Dende logo. Pero a feira do capón, tal e como a coñecemos, ten que variar un pouquiño. Temos a IXP pero aínda estamos en proceso de adaptación; o matadoiro ten que ser específico e de momento non o hai.

Ten que variar, ao mellor facer unha feira como exposición do produto, e non só vir a comprar o produto, facer degustacións. Un escaparate, o que é unha feira é un escaparate. Loxicamente, atraería moito máis turismo cun xeito distinto de coñecer o capón.

A feira é aínda tradicional. O noso lema é tradición e modernidade. Pois timos que ir a esa modernidade, adaptarnos e cambiar cos tempos.

Con que acompañamento conta a feira?

Imos ter á Charanga de Vilalba, que nos acompañará ao longo da xornada. O resto de grupos de música tradicional non están por coincidir en día de semana, non poden vir a actuar.

Como valora as Xornadas Gastronómicas?

Moi ben, hai que agradecer aos locais participantes, que sempre están aí colaborando. Dende a Asociación de Criadores facilitan o produto máis barato do que loxicamente se vende na feira, e os locais dan a coñecer o capón a toda a xente que nos vén visitar a Vilalba, con diferentes preparacións. É importante dar a coñecer o xeito de preparalo e ofrecer pratos distintos.

ÚLTIMAS

Chuvia, neve e temperaturas baixo cero na montaña de Lugo

Os termómetros volvéronse a esborrallar na madrugada deste martes ata valores negativos na maior parte...

Convenio entre Deputación e os 67 concellos da provincia para modernizar o padrón da man do INE

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes, no Pazo...

Os socialistas e o Concello de Lugo esixen á Xunta un compromiso plurianual para o Museo da Romanización

O Concello de Lugo e o PSdeG avanzaron que esixirán á Xunta un compromiso...

Morre nun parque de Lugo un home de 37 anos tras ser atopado semiiconsciente

Un home de 37 anos faleceu o sábado pola mañá en Lugo tras ser atopado...