InicioCulturaVilalba celebra a súa primeira Feira do libro cunha "aposta polo local"...

Vilalba celebra a súa primeira Feira do libro cunha “aposta polo local” e a normalización lingüística

Terá lugar os vindeiros 11 e 12 de xuño e haberá tamén música e obradoiros para os máis pequenos.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Vilalba terá a súa primeira Feira do Libro os vindeiros 11 e 12 de xuño, en formato reducido e adaptada á situación sanitaria. Así o veñen de anunciar desde as concellerías de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Cultura do Concello de Vilalba. Participarán na mesma as librarías locais Andel, Pergamino, Paperix e Carlín, así como Trama de Lugo, especializados en literatura infantil, xuvenil e novela negra, que farán un desconto do 5%. Ademais, o Instituto de Estudos Chairegos, promulgadores de distintas obras publicadas por autores e autoras da comarca, tamén terán un posto dentro da feira.

Nesta mesma “aposta por poñer en valor o local”, sucederanse unha serie de sinaturas de libros distribuídas nos dous días de feira, a meirande parte de autores e autoras vilalbesas, como a historiadora e xestora cultural Miriam Fernández, da Asociación de Mulleres de Insua, a filóloga e escritora Cecilia F. Santomé, a tradutora Antía Veres, ou o ilustrador Eduardo Baamonde. Tamén estarán presentes Xosé Miguel Barrera, XLV Premio de Poesía do Certame Literario do Concello de Vilalba, e Antía Yáñez, III Premio Agustín Fernández Paz de narrativa Infantil e Xuvenil pola igualdade, organizado polo IESCHA, o Concello de Vilalba e a editorial Xerais.

A música e a normalización lingüística da primeira infancia tamén acompañará esta cita literaria. O venres 11 de xuño terá lugar a “Festa das primeiras letras”, unha proposta que se enmarca dentro da Feira do Libro para promover a socialización en galego de nenas e nenos de 0 a 6 anos. Así, haberá un obradoiro de arrolos da man de Mamá Cabra, narración oral con Bichocas, de Xarope tulú, e un espectáculo musical nomeado Catuxo, de Magín blanco.

No que atinxe ao sábado 12 de xuño, haberá obradoiros para pequenos/as cada media hora no posto habilitado na propia praza, de 11 a 14h e de 17 a 20h. A asociación cultural Entre Lusco e Fusco ambientará a feira con música tradicional a partir das 12, e unha pequena representación da Banda de Música de Vilalba á unha. O alumnado da Biblioteca Agustín Fernández Paz, do Instituto de secundaria Santiago Basanta Silva de Vilalba fará unha lectura de textos na tarde do 12 de xuño, e finalizarase a feira cun sorteo de dous lotes de libros infantís e xuvenís e outros dous xenéricos entre todas as persoas que adquiran libros ao longo destes dous días, poñendo o colofón final co concerto musical de Migallas, “merenda con pan de millo”.

 

ÚLTIMAS

Sae a subasta por case 800.000 euros o local da centenaria pastelaría Madarro de Lugo

A Sección Civil de Execución do Tribunal de Instancia de Lugo dirixe a poxa...

O BNG pedirá no Congreso melloras no servizo de Correos na comarca de Lugo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou novas iniciativas para reclamar ao...

Un matrimonio de avanzada idade falece nun choque entre un camión e un turismo en Antas do Ulla

Dúas persoas, un matrimonio de avanzada idade, faleceron este martes nun accidente de tráfico...

Os gandeiros manteñen a tractorada en Lugo e o BNG denuncia a “competencia desleal” de Mercosur

Os gandeiros de Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, concentrados na cidade de Lugo...