Mario Rouco cóntanos que leva sete anos no Concello de Muras, xusto os que leva organizándose esta mostra que exalta o excelente mel que se fai neste lugar. Dinos tamén que os obxectivos do evento eran, ademais de poñer en valor este produto diferenciado e de alta calidade, formar ao sector para que aqueles apicultores que o quixesen puidesen profesionalizarse e vivir exclusivamente do mel se así o desexaban.
Os obxectivos do evento eran, ademais de poñer en valor este produto diferenciado e de alta calidade, formar ao sector para que aqueles apicultores que o quixesen puidesen profesionalizarse
Na primeira edición eran uns 8 os produtores e na actualidade son arriba de trinta. Aínda que custa ver produtores que dan o paso á profesionalización “a xente nova empeza a velo”, di Mario engadindo que “dar o paso e chegar á etiquetaxe fai que o mel aumente de valor”.
Como comentamos, dende o concello buscan dende o principio incidir na formación e neste eido contan coa colaboración da asociación de apicultores ‘Casa do Mel de Goente’ das Pontes.
O MEL DE MONTAÑA DE MURAS
O mel das colmeas de Muras “é moi potente e enche o padal, deixa un sabor constante e ten unha cor escura moi característica que lle dá o breixo”, dinos Mario Rouco.
Sabemos que o máis apreciado e valorado no mercado é xustamente o monofloral de breixo, un arbusto que se dá por toda Galicia e que ten unhas pequenas e fermosas flores brancas ou malvas. Moi presente na Serra do Xistral, mais tamén se produce no concello a partir de castaño, silvas, eucalipto, etc.
O mel das colmeas de Muras “é moi potente e enche o padal, deixa un sabor constante e ten unha cor escura moi característica que lle dá o breixo”
A FEIRA DO MEL
A mostra faise dende a primeira edición na parroquia de Viveiró. “Antes facíanse todos os eventos na capitalidade de Muras pero a feira do mel decidímola facer en Viveiró porque é o segundo núcleo rural do concello, está a tan só 15 quilómetros e a nosa intención é tamén descentralizar as celebracións”, argumenta o concelleiro.
A Praza do Viveiró acollerá, pois, os días 19 e 20 de novembro a Feira do Mel na que haberá 7 vendedores de mel só de explotacións de Muras e outros postos, un total de 25, con produtos e material temático da feira e tamén produtos agroalimentarios da tempada.
A feira conta cun ‘Concurso de calidade do Mel’ ao que se presentan este ano 11 produtores locais que pasaron antes unhas analíticas que garanten unha calidade mínima. A cata será o sábado pola tarde no colexio do Viveiró, lugar onde 6 catadores, seguindo as pautas que marca a Casa do Mel de Goente, valorarán os meles presentados fixando especial atención nos principais parámetros de olor, color e sabor.
Dous serán os recoñecementos que se fagan: un ao ‘Mellor mel de montaña da feira’, e outro ao ‘Mellor mel monofloral’. A entrega dos premios deste concurso será o domingo 20 ás 17:30 h. na Praza do Viveiró.
Ademais da exposición e venda de mel e produtos derivados, así como outros agroalimentarios de tempada, a feira foi aumentando cos anos o número de actividades paralelas. Nesta edición, por exemplo, hai as seguintes:
Sábado 19
18:45 h. Relatorio de Jaume Cambra baixo o título “Control de Varroa en Apicultura Ecolóxica” no Colexio o Viveiró. Asistencia de balde ata completar aforo.
20:30 h. Degustación de balde de liscos e castañas na carpa do colexio de Viveiró.
21:00 h. Actuación musical do “Dúo Eclipse” tamén na carpa.
Domingo 20
10:30 h. Apertura de postos.
11:30-13:30 h. Obradoiros infantís na Praza do Viveiró.
12:30 h. Mostra de xantares e degustación a cargo da cociñeira Beatriz Sotelo na Praza do Viveiró.
14:00-16:00 h. Pausa xantar na carpa do Colexio.
16:30 h. Shwcooking de coctelería con mel a cargo de Diego Mosquera, na Praza do Viveiró. A esta hora tamén obradoiro infantil.
O Concello de Muras organiza a feira coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Casa do Mel de Goente (As Pontes).
“Aqueles que veñan e vexan a Serra do Xistral van dicir que hai que volver. Muras unha vez na vida hai que visitala”, Mario Rouco
ACHEGARSE A MURAS
Mario Rouco lémbranos que o evento vai cada ano a máis, que a carpa que habilitan é cada ano máis grande, que haberá unha charanga animando e que é unha boa ocasión tamén para achegarse a coñecer o concello e a súa contorna.
Ademais de todos os atractivos comentados da feira, Mario teno claro para convencernos: “aqueles que veñan e vexan a Serra do Xistral van dicir que hai que volver. Muras unha vez na vida hai que visitala”, remata.