InicioCulturaLugo fixo o milagre de converter a María Victoria Moreno en galega

Lugo fixo o milagre de converter a María Victoria Moreno en galega

Xesús Rábade Paredes, discípulo da homenaxeada nas Letras Galegas 2018, lembra o paso por Lugo da mestra devota, precursora da inmersión lingüística e referente da literatura infantil e xuvenil

PUBLICADA O

- Advertisement -

Este 17 de maio celebramos a vida de María Victoria Moreno (1939-2005) e tamén unha marabillosa coincidencia acontecida en Lugo, a cidade na que comezou a súa exemplar dedicación á lingua e a literatura de Galicia. Foi cousa do destino. Naceu de xeito casual en Cáceres, medrou en Segovia, descobreu a paixón pola literatura en Barcelona, e completou estudos na Complutense dos catedráticos Dámaso Alonso e Rafael Lapesa. Axiña casou, seguindo ao seu amor ata Pontevedra, e logo de aprobar as oposicións, foi destinada en 1965 ao vello Instituto Masculino de Lugo. Neste punto comeza a andaina da que foi copartícipe un rapaz natural de Cospeito, da parroquia de Seixas: o entón alumno Xesús Rábade Paredes.

«Nun ambiente profesional máis ben mediocre, a chegada dunha profesora nova e plena de saberes non podía pasar desapercibida». Coma o resto de escolares da anada de 1949, Rábade compartiu dous cursos coa mestra de mirada «intelixente e tímida, saturada dunha saudade inmensa». Dela salienta a implicación «discreta e extraescolar» por impartir a lingua e a literatura, e tamén por achegar volumes censurados polo franquismo. «Recordo breves percorridos no tempo de recreo ou nas horas de garda por aqueles corredores do centro, maxisterio en exclusiva para o meu alimento literario. Ningúen puxo á miña disposición coma ela a súa selecta e nutrida biblioteca, feito polo que lle gardo gratitude entrañable».

Confesa o poeta e narrador que a docencia de María Victoria foi decisiva en termos humanos e literarios, e así marcou a súa vocación. Dela recibiu textos de Miguel Hernández, García Lorca, Antonio Machado, Rafael Alberti, Buero Vallejo ou Pablo Neruda, relembra. Porén, discípulo e profesora acharon o que logo sería o seu motivo vital baixo a guía de Xesús Alonso Montero, que organizaba clases de iniciación ao galego no mesmo centro, e tamén «concursos literarios nos que nos iniciamos Darío Xohán Cabana, Fiz Vergara Vilariño, Xavier Rodríguez Barrio, os irmáns Valcárcel e eu mesmo», explica Rábade.

Coma recolle a biografía realizada por Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, o papel de Alonso Montero é capital para entender a actitude, a ética e o compromiso de María Victoria coa lingua galega, tal e coma se expresou a propia homenaxeada. E así, di Rábade, «por vontade decide someterse a unha inmersión no idioma, relacionándose con falantes do común e maiormente comigo en conversas e intercambios lírico-epistolares durante algúns veráns». Por amor aprendeu galego e fíxose galega, un milagre que tivo Lugo coma escenario. «Galicia entrou en María Victoria a través de dous signos que a impresionan, o amor e a terra».

Do intercambio xurdiu en 1969 o primeiro traballo do autor da chaira, Xuntos cara o mañán, que ela organiza e prologa xa dende Pontevedra. Na beira do Lérez continuou o labor docente e asemade a causa polo idioma, na libraría Xuntanza e na sociedade Amigos da Cultura. Conta o de Cospeito que a policía estaba atenta aos faladoiros nos que ela participaba, e que chegaron a retirarlle o pasaporte. Ámbolos sufriron a coacción do réxime, o que empurrou a Rábade a traballar por un tempo en Suíza; secasí, a ameaza da ditadura non freou a ambición literaria de María Victoria, e en 1973 aparece Mar adiante, obra infantil ilustrada «na que embarca a parte da miña familia e a parte da do profesor Alonso Montero», e que supón a primeira contribución en galego da protagonista deste Día das Letras.

«Desde esta data e durante unha década imparte, por amor e devoción, cursos de lingua e pronuncia conferencias na provincia», aprecia Rábade, quen volveu colaborar con María Victoria coa introducción oficial da lingua e a literatura galegas no ensino. «Pónsenos en contacto para a elaboración de materiais de Bacherelato e COU», co resultado da publicación de varios textos, entre os que o literato salienta Literatura século XX (1985), «un percorrido polos autores dunha centuria accidentada, un texto que formou a varias promocións universitarias e segue consultándose».

Interpelado pola sensibilidade de María Victoria Moreno, rescata «o amor e a terra, notas ambas de percepción cutánea, sensorial, que impregnan toda a súa producción en galego»; compara esta inspiración co proceso creativo de Federico García Lorca, a quen a autora estudou e admiraba. A meirande parte das creacións xurden nos vinte últimos anos de vida, «coincidindo co sosego familiar» e os eventos vencellados á saúde e a compañía. Rábade ten clara a escolla: «Dentro da narración de protagonismo adolescente, celebrada por crítica e lectores, salientan Leonardo e os Fontaneiros, Anagnórise e Guedellas de seda e liño». E celebra tamén a creación infantil, na que colaborou Helena Villar, dona do discípulo.

Xesús Rábade Paredes (Cospeito, 1949) é poeta, narrador e ensaísta, foi mestre de Secundaria, e Catedrático de Lingua e Literatura. Entre outros, é Premio Álvaro Cunqueiro (1991), Premio Esquío (1993), Premio Blanco Amor (2007) e Premio Ánxel Casal (2013). Fundador do Pen Club Galicia e membro do colectivo Cravo Fondo.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...