Un grave accidente de tráfico ocorrido durante a madrugada deste xoves no Paseo do Rato, en Lugo, saldouse cunha persoa falecida e tres feridos de diversa consideración. O sinistro tivo lugar ao redor das dúas da madrugada, á altura do restaurante situado nesta vía que une as zonas de San Eufrasio e A Tolda.
Segundo as primeiras informacións da Policía Local, un turismo que circulaba en dirección a Madrid por esta vía saíuse da estrada e terminou chocando contra unha árbore. A consecuencia do forte impacto, o condutor perdeu a vida e tivo que ser excarcerado, do mesmo xeito que o resto dos ocupantes, polos bombeiros que acudiron ao lugar do accidente.
No vehículo viaxaban ademais outro tres persoas que resultaron feridas e evacuadas ao HULA. Unha delas atópase en estado moi grave, outra presenta feridas de carácter grave e a terceira sufriu lesións leves. A Policía Local atópase elaborando o informe correspondente para esclarecer as circunstancias nas que se produciu o accidente, polo que polo momento non transcenderon máis detalles.
