InicioSociedadeConclúe a inspección da nave de Mazoi calcinada este martes e a...

Conclúe a inspección da nave de Mazoi calcinada este martes e a empresa desconfía de que fose provocado: “Non sei como prende unha nave que non ten nada”

A Policía Científica deu por concluída este mércores a inspección da nave de reciclaxe da parroquia de Mazoi que resultou completamente calcinada o martes como consecuencia dun voraz incendio e que os responsables da empresa titular das instalacións cren que puido ser intencionado.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Policía Científica deu por concluída este mércores a inspección da nave de reciclaxe da parroquia de Mazoi que resultou completamente calcinada o martes como consecuencia dun voraz incendio e que os responsables da empresa titular das instalacións cren que puido ser intencionado.

O lume, declarado ás 14.30 horas da xornada do martes nunha pequena nave industrial de almacenamento de residuos situada no lugar de Cacabelos, pertencente ao termo municipal de Lugo, quedou controlado ao longo da tarde grazas á rápida intervención dos bombeiros e os servizos de emerxencia que lograron evitar que as chamas se propagasen ás naves adxacentes, de maior tamaño, e a unha vivenda circundante, polo que non houbo que lamentar danos persoais.

Xa na xornada do martes, efectivos da Policía Científica desprazáronse ao lugar do sinistro para comezar coa inspección ocular técnico policial do recinto, que culminou na mañá deste mércores, chamada a esclarecer as causas do incendio. Unha vez completada a inspección, o xulgado farase cargo do caso e será o encargado de determinar que é o que sucedeu exactamente no almacén de reciclaxe, propiedade desde hai un ano da empresa Contemar (que aluga as instalacións), aínda que fontes próximas á investigación confirmaron a Europa Press que non existen, polo momento, indicios de delito que fagan pensar en que o incendio foi intencionado.

Unha opinión diferente á que manexan no seo da empresa, con sede no próximo Polígono Industrial do Ceao, que non termina de explicarse como puido arrincar o incendio de maneira fortuíta nunha nave que almacenaba “material antigo, restos de madeira e colchóns” e da que quedaba “só o esqueleto”.

“A NAVE NON TIÑA INSTALACIÓN ELÉCTRICA”

“A situación neste momento é que da nave non queda nada. Estamos á espera de que fagan as análises que teñan que facer e determinen que é o que pasou. Agora toca pedir permisos de demolición da nave e punto”, explicou, desde o lugar do sinistro e en declaracións a Europa Press, Miguel Abel Real, responsable de persoal da empresa damnificada.

Unha empresa, dedicada á recuperación para a reciclaxe de papel, cartón, brik e plásticos diversos, que empregaba como “nave de transferencia” un almacén de maiores dimensións contiguo ao que resultou calcinado e que non se viu afectado polas chamas, revela o responsable de persoal de Contemar, porque “por sorte cambiou o vento”.

“A idea era centrarnos na nave que ardeu unha vez que tivésemos a principal a pleno rendemento. Se o incendio afectase á principal, o problema sería maior porque alí temos dúas pas e material propio co que traballamos”, profunda Miguel Abel Real, que desconfía de que o incendio declarado se producise de maneira accidental.

“Eu non quero pensar mal, déronse así as circunstancias e punto, pero non sei o motivo polo que pode prender unha nave se non hai nada que o arrinque. Se tivésemos instalación eléctrica na nave, pois podería ser un curtocircuíto, ou se ardese a fin de semana, que había 30 graos, pero onte non era nin sequera un día caloroso”, reflexiona.

SEGUNDO INCENDIO INDUSTRIAL NUN MES

O rexistrado este martes na parroquia de Mazoi é o segundo incendio dunha nave industrial acontecido na cidade de Lugo nun lapso de menos dun mes, logo de que o pasado 26 de marzo as chamas devorasen as instalacións da empresa Despeces Sidegal, situadas no Polígono Empresarial do Ceao, ferindo a dous traballadores e provocando importantes perdas materiais.

Na nave principal de Contemar da parroquia de Mazoi, adxacente á que resultou o martes devastada polas chamas, atopábanse traballando no momento do sinistro tres empregados da empresa, que puideron abandonar o almacén sen sufrir dano algún. A avaliación das perdas rexistradas no almacén sinistrado continúan este mércores mentres os traballos na nave principal renováronse sen incidencias. “Temos contratado un seguro, pero os seguros para empresas ambientais son moi complexos e é complicado que che cubra este tipo de situacións, porque somos empresas de reciclaxe, empresas de risco”, finaliza, a modo de conclusión, o responsable de persoal da empresa Contemar.

ÚLTIMAS

Baralla, epicentro de tres pequenos terremotos en pouco máis de dúas horas

O municipio de Baralla, en Lugo, foi epicentro de tres movementos sísmicos, rexistrados en pouco...

Catro accientes provocados por condutores ebrios ou drogados durante os últimos días en Lugo

A cidade de Lugo rexistrou este pasado festivo e o fin de semana ata catro accidentes de...

O becerro ao espeto será o gran protagonista da XXVII Feira de Produtos do Campo e Artesanía de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, o presidente da Asociación de Veciños, Comerciantes e...

Libros sobre Luísa Villalta para colexios e institutos da provincia

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo fará chegar material da autora homenaxeada este ano...