A Policía Nacional e a Garda Civil, nunha operación conxunta, desarticularon en Lugo unha organización delituosa dedicada a manipular a quilometraxe de vehículos de segunda man. Foron detidas catro persoas.
A operación Route101/Rumatrix, iniciada o pasado ano na provincia de Lugo, saldouse ata o momento, con catro detidos residentes actualmente na capital lucense, como presuntos autores dos delitos de estafa, falsidade documental e pertenza a grupo criminal. Contabilízanse ata o momento 30 vítimas.
Segundo informou a Policía, a operación iniciouse por mor dunha denuncia interposta ante a Garda Civil por un particular que comprara un vehículo ao que lle rebaixaron substancialmente a quilometraxe.
Con esta manobra, os agora detidos aumentaban considerable e artificialmente o valor dos vehículos que vendían e as súas ganancias. Ademais, falsificaban a súa documentación co fin de dar máis credibilidade á súa actividade. Con estes ilícitos, os axentes estiman que poden obter uns beneficios de centos de miles de euros.
Esta manobra ilegal permitíalles adquirir automóbiles de segunda man polo seu valor de mercado e, “tras o ‘lifting’ operado nos seus odómetros, púñanos de novo á venda por un prezo máis elevado, aínda que igualmente moi atractivo para os compradores”, apunta a Policía.
Na inspección da nave industrial onde almacenaban e reparaban os vehículos de segunda man comisáronse cinco vehículos que estaban a ser retocados para a posterior venda, así como instrumental profesional de diagnose para a súa manipulación electrónica. No marco desta operación policial efectuáronse tamén dous rexistros en inmobles nos que se incautaron máis de 6.500 euros.
MÁIS DE 30 VEHÍCULOS MANIPULADOS
Tras o estudo da documentación incautada, detectouse a manipulación dos contaquilómetros de numerosos turismos e furgonetas que foron vendidos ao longo do territorio nacional. Tamén se comprobaron e detectaron vehículos de importación de alta gama procedentes de países como Rumania, Bélxica, Alemaña e Francia. En total, verificáronse máis de 30 vehículos afectados.
A operación levouse a cabo de maneira conxunta por parte da Comisaría da Policía Nacional de Lugo, coa colaboración de Guías Caninos da Xefatura Superior de Policía de Galicia, que foron os que atoparon o diñeiro escondido en diferentes zonas das vivendas e as unidades de Radiopatrullas da Comisaría Provincial, ademais da Garda Civil de Burela.