Unha aglomeración na festa de Fin de Ano da Sala Tebras remata con varios ataques de ansiedade e a intervención policial

Os feitos ocorreron á hora do peche cando houbo unha avalancha na zona do roupeiro.

Imaxe da Sala Tebras na praza Viana do Castelo / E.P.

A Policía Local de Lugo investiga unha aglomeración, na que tiveron que intervir xunto á Policía Nacional e o 061, durante a madrugada do 1 de xaneiro nunha das salas da cidade que albergaba unha celebración de Fin de Ano.

Os feitos ocorreron na Sala Tebras, situada na Praza Viana do Castelo e habitualmente destinada a concertos, lugar que nunca albergara unha festa de Fin de Ano. En total, vendéronse 600 entradas.

O evento transcorreu con normalidade ata a hora do peche, ao redor das 6.00 horas, cando se formou unha avalancha nas escaleiras que levaban ao roupeiro, situado na planta superior. Ao tratarse dun corredor estreito, os mozos quedaron bloqueados, sen poder nin subir nin baixar.

Os asistentes, ao non poder saír do local, chamaron ao 061, que tivo que atender a numerosas persoas por ataques de ansiedade. Ademais, se personaron unha decena de patrullas entre Policía Local e Nacional, que conseguiron desaloxar a sala sen feridos.

PROBLEMAS NO ROUPEIRO

Segundo sinalou a organización nun comunicado nas redes sociais no que pediron desculpas aos asistentes, o problema “radicou na xestión da cola cara ao roupeiro” á hora do peche, preto das 6.00 horas.

Nesta liña, indicaron que “os cabaletes non eran suficientes nin estaban ao nivel de soster tantas pezas cando en teoría tiñan capacidade para 900”.

INVESTIGACIÓN EN CURSO

O Concello de Lugo explicou a Europa Press que a Policía Local está a investigar o contrato do persoal de seguridade da discoteca, que foi alugada para facer a festa. Os organizadores indicaron que a contratación do persoal é responsabilidade da propia sala.

Deste xeito, subliñaron que o persoal de seguridade “demostrou pouca profesionalidade e falta de previsión” e que “descoñecían a posibilidade deste caos”. Ademais, polo momento, non se rexistrou ningunha denuncia por parte dos asistentes á festa.

Os axentes continuan este luns solicitando datos sobre o acontecido, así como sobre a xestión e os contratos da festa. Así, trasladaron que se espera que a investigación conclúa ao longo da semana.