Axentes da Policía Nacional adscritos á Comisaría Provincial de Lugo, en servizo de Radiopatrullas, detiveron a dous mozos de 22 e 26 anos de nacionalidade romanesa, con antecedentes ambos, como presuntos autores de dez roubos de catalizadores na capital luguesa no que vai de ano.
Segundo informou a Policía Nacional, na noite do venres pasado, alertados por un veciño da rúa Manuel Portela de Lugo, a través da sala do 091, indicativos de Radiopatrullas montaron un operativo que deu lugar á detención destes dous ladróns.
Os feitos desenvolvéronse tras a chamada do veciño á sala do 091, na que denunciou que vira a dous mozos que chegaron nun turismo e puxéronse a manipular baixo un coche estacionado, tras o que esconderon algo nun muro próximo.
Tras estas declaracións os policías en servizo dirixíronse ao lugar e comprobaron que o turismo estacionado estaba sen catalizador, o cal fora cortado e o que ocultado no muro era esta peza, “de gran valor no mercado negro, debido aos metais que contén (paladio, rodio e platino)”, destaca a Policía.
Por iso, o coordinador de Servizos da Policía Nacional dispuxo un operativo para a localización e detención destes individuos, xa que se acumulaban na cidade dez denuncias por este tipo de roubos e todos coa mesma tipoloxía e modus operandi.
Así, dispúxose un vehículo camuflado no lugar á espera de que volvesen recoller a mercadoría que deixaran oculta e outros indicativos de Radiopatrullas nas inmediacións por se se producía a fuga.
Pasado “non moito tempo”, indica a Policía, o turismo sinalado pola testemuña chegou ao lugar e apeouse un dos ocupantes que foi recoller a mercadoría oculta no muro, momento no que se lles deu o alto, ante o que se meteu de novo no turismo e emprenderon a fuxida, “a cal non ten moito percorrido, xa que en dúas rúas son interceptados polos vehículos Radiopatrullas que apoiaban a operación”, destacan as mesmas fontes.
Por iso, foron detidos no momento e trasladados a dependencias policiais os dous individuos que ingresaron en calabozos á espera de pasar a disposición xudicial. A Policía comprobou que o turismo intervido aos ladróns era buscado en Valencia pola implicación en feitos das mesmas características, polo que é intervido. Tamén destaca que os antecedentes dos detidos en diferentes puntos do país “son por accións das mesmas características”.