InicioSucesosPiden prisión permanente revisable para a nai da nena asasinada en Muimenta

Piden prisión permanente revisable para a nai da nena asasinada en Muimenta

A vista, con xurado popular, comeza o luns 7 de febreiro e participarán 22 testemuñas, 21 peritos, 16 axentes e tres facultativos ao longo de seis xornadas

PUBLICADA O

- Advertisement -

O xuízo polo crime da nena Desirée, asasinada na localidade de Muimenta –Cospeito, Lugo– cando tiña sete anos, chegará o vindeiro luns, día 7 de febreiro, á sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo, onde sentará como única acusada, a súa nai, para quen as acusacións piden a prisión permanente revisable.

A vista oral está fixada para seis xornadas, entre o 7 e o 14 de febreiro, pouco antes de que se cumpra o terceiro aniversario do crime, ocorrido o 3 de maio de 2019. Para tratar de esclarecer o sucedido, pola sala transitarán, ademais da acusada, 22 testemuñas, 21 peritos, 16 axentes da Garda Civil que participaron na investigación e tres facultativos.

Xulgarao, como está fixado que sexa cun caso desta tipoloxía, un xurado popular, que será escollido polas partes de entre os candidatos congregados e citados por sorteo, o primeiro día.

Desirée Leal, que tiña 7 anos no momento da súa morte, foi achada sen vida na casa da súa nai, situada en Muimenta, localidade do concello lugués de Cospeito, o 3 de maio de 2019. A nai da pequena atópase en prisión provisional, comunicada e sen fianza como única acusada do crime.

Ademais de Fiscalía, no caso tamén están personados como acusación particular o pai da nena, José Manuel Leal, e como popular a Fundación Amigos de Galicia. Nos tres casos, solicítase a prisión permanente revisable para a nai da nena, como autora dun delito de asasinato con aleivosía, concorrendo as agravantes de parentesco, pero con atenuante de anomalía ou alteración psíquica.

Así mesmo, Fiscalía e acusación popular solicitan unha indemnización de 300.000 para o pai da pequena, mentres que a particular pide 120.000 euros.

PLAN PARA O ASASINATO

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Vilalba, que investigou a causa, considerou que das probas realizadas despréndense indicios de que a sospeitosa argallou un plan para acabar coa vida da súa filla, de 7 anos, algo que tamén inclúe a Fiscalía no seu escrito de acusación.

O Ministerio Público estima que, para levar a cabo este “macabro plan”, a muller forneceu á pequena, antes do 2 de maio e nunha data indeterminada, un “potente fármaco” chamado ‘trazodona’, co fin de adormentala para acabar coa súa vida. Con todo, alega, non conseguiu “que a menor tomase a cantidade que ela requiría”.

Na madrugada do 2 ao 3 de maio, prosegue o Fiscal, mentres a nena durmía na mesma cama que ela, a nai “agarrouna coas súas mans por ambos os lados do pescozo, con suma violencia, para asfixiala”. Do mesmo xeito, presionou “con toda a súa forza a boca e o nariz da pequena, ata lograr que deixase de respirar”.

A nena, segundo a investigación, “chegou a espertarse e tratou de defenderse”, aínda que sen logralo. Faleceu por asfixia mecánica e oclusión dos orificios respiratorios.

A acusada foi diagnosticada dun trastorno da personalidade de tipo mixto e dun trastorno psicótico non orgánico non especificado, que puido “afectar de maneira parcial” ás súas capacidades durante os feitos.

ÚLTIMAS

Comezan as obras de desdobre do último tramo da avenida Infanta Elena en Lugo

As obras que completarán o desdobre e humanización dos 2,7 quilómetros da Avenida Infanta...

Tomé e Castro presentan o número máximo de avais para dirixir o PSOE provincial

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o edil de Paradela Iván Castro presentaron...

Condenados 8 ultras participantes nunha pelexa na previa do Lugo-Ponferradina de 2023

O Xulgado de Instrución nº1 de Lugo condenou este luns aos oito ultras investigados pola súa...

Café Candelas obtén visto e prace ambiental para construír unha planta que aglutinará todo o proceso produtivo en Lugo

Café Candelas obtivo o visto e prace da Xunta desde o punto de vista ambiental para...