O pai de Desirée, a nena de sete anos que apareceu morta na casa da nai en Muimenta, no municipio de Cospeito, o 3 de maio de 2019 con signos de ser asfixiada, reclama ante o xulgado de Vilalba –o número uno é o que levou a investigación– que se faga unha “reconstrución dos feitos”.
Esta semana o Xulgado de Instrución número 1 de Vilalba ditou auto de apertura de xuízo oral contra a muller acusada de matar á súa filla en Muimenta. A xuíza apunta a asasinato con aleivosía, pero con atenuante de alteración psíquica, nun caso que terá xurado popular.
José Manuel Leal reivindica esta reconstrución tras do que considera un “brutal asasinato”. Asegura que “se tiña que facer de oficio” e non ter que pedilo el ou o resto de acusacións.
Ademais, require que se “facilite toda a documentación envorcada dos terminais incautados á presunta asasina”, a nai de Desirée, que se atopa encarcerada na prisión de Teixeiro desde pouco despois do suceso. “Teñen a obrigación de dar ás partes o envorcado completo”, clama José Manuel Leal.
A asfixia é o que determina a instrución como a causa da morte nas dilixencias xa trasladadas á Audiencia Provincial de Lugo. O home sostén que a presunta asasina empregou “toda a súa forza” dunha persoa de 40 anos sobre a nena, que “levaba restos de sangue nas uñas ao tentar defenderse”.
“Había restos de sangue nun calcetín e nos tenis, e non se buscou o outro par (de calcetín)”, censurou. Ao seu xuízo, “cometéronse moitas neglixencias”, entre outras enumerou que “non se precintase o domicilio” onde apareceu o corpo da menor. Diso responsabiliza á xuíza que instruíu o caso ao comezo.
“Vese que se tratou dun crime brutal, eu vin as fotos. Quero saber toda a verdade”, afirma nas inmediacións dos xulgados de Vilalba, este home que agora vive cos seus pais nunha parroquia de Xermade. Por mor destes feitos tivo que deixar o traballo como garda de seguridade e viuse obrigado a xubilarse.
Tamén apunta a “varios indicios de limpeza do corpo” de Desirée, segundo acredita o 061, expón. Leal quere “saber” quen limpou o cadáver e “quen estaba en casa nese momento”. “Unha amiga estaba no domicilio, o avó e a avoa materna”, agrega.
“Está claro que a miña nena non se limpou despois de ser asasinada; e sufrindo, defendeuse moitísimo”, conclúe José Manuel Leal, quen como acusación particular pide a pena de prisión permanente revisable para a súa exmujer, do mesmo xeito que a acusación popular da Fundación Amigos de Galicia e a fiscalía.