Detido un menor por roubarlle o bolso a unha anciá “con extrema violencia” en Lugo

A muller, de avanzada idade, sofre hematomas logo de caer ó chan.

Un vehículo da Policía Nacional.. EUROPA PRESS - Arquivo

Axentes da Policía Nacional adscritos á Comisaría Provincial de Lugo detiveron a un menor de idade por un roubo con violencia tras arrebatar o bolso a unha muller de avanzada idade, á que, ademais, tirou ao chan.

Segundo informou a Policía Nacional, os feitos ocorreron na tarde do pasado venres na zona da Milagrosa, cando este menor agarrou “desde atrás o bolso da muller, tirándoa ao chan e casándolle lesións nos ombreiros e o a fronte”.

Toda a escena foi observada por un transeúnte, quen despois de velo e levantar á muller do chan, seguiu ao autor do roubo. Deste xeito, comprobou como falaba con outras persoas ata a chegada dos efectivos de Radiopatrullas.

O menor, subliñou a Policía Nacional, “empregou unha extrema violencia no tirón á muller”, que, concretaron as mesmas fontes, “tivo varios hematomas”. Os axentes que unha vez no lugar detiveron ao menor por un delito de roubo con violencia, localizaron o bolso tirado no interior dunha vivenda abandonada, onde foi arroxado polo ladrón na súa fuxida do lugar dos feitos.