A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo acolle o xuízo a M.A.V., veciño de Lugo Lamas de Prado, que se enfronta a penas de catro anos de prisión por estafar supostamente 127.000 euros a unha muller de Rábade, aproveitándose do seu “baixo estado anímico” tras a morte da súa nai e a súa parella sentimental, polo que a acusación particular eleva a petición a cinco anos.
A Fiscalía sostén que o acusado lle fixo crer á muller que coñecía operacións de poxas xudiciais e convenceuna para entregarlle 127.000 euros para adquirir varios inmobles para, finalmente, apropiarse do diñeiro.
Durante a vista, o acusado negou manter unha “relación sentimental” con esta muller entre 2013 e 2014, á que coñeceu a través unha páxina de contactos, aínda que admitiu que mantiñan encontros esporádicos.
A pesar diso, afirmaba que descoñecía as circunstancias da súa familia. “Nunca me dixo cal era a súa situación persoal“, aseguraba, ademais de admitir as entregas de diñeiro co obxectivo de comprar un piso en Foz.
Así mesmo, asegurou que a muller “ameazou” ao seu irmán e mesmo se puxo en contacto coa súa esposa para reclamar 30.000 euros “máis” do que supostamente recibira da vítima, que devolveu a finais de 2014.
Esta versión difire totalmente das acusacións da muller, á que supostamente se presentou como “solteiro” e traballador de “telefónica” cando en realidade traballaba na empresa de mantemento do seu irmán e estaba casado e con dous fillos.
A vítima defendeu que ambos mantiveron unha relación sentimental e que se realizaron catro entregas de diñeiro, entendendo que existía un clima de “confianza” entre eles. Os últimos 50.000 euros estaban destinados para a compra dun baixo na Coruña.
Posteriormente, relatou, o acusado deixou de responder as súas chamadas e mensaxes, polo que se puxo en contacto co seu irmán e coa súa muller, coa que se citou nun parque, coa intención de recuperar o diñeiro.
A muller explicou que se atopaba “mal psicoloxicamente, fisicamente e moralmente” tras o falecemento da súa nai e da súa parella, aínda que a finais de 2014 recibiu o reintegro de 127.000 euros tras un burofax.O avogado do procesado, Óscar Fernández, defendeu a “inocencia” do seu cliente, apelando á complexidade das relacións de parella e “dos sentimentos entre eles”.