InicioLugo e contornaLugo'Showcooking' en Lugo con tres chefs como antesala da Feira do Bonito...

‘Showcooking’ en Lugo con tres chefs como antesala da Feira do Bonito de Burela

A Deputación organiza este evento no que centos de persoas degustan tres receitas diferentes realizadas con este pescado "emblema da Mariña"

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Feira do Bonito de Burela quenta fogóns para a súa gran celebración, que será o próximo fin de semana nesta localidade da Mariña. Como antesala deste gran evento gastronómico, a Praza de San Marcos da capital lucense converteuse este xoves no epicentro gastronómico da provincia cunha exhibición culinaria en vivo organizada pola Deputación para enxalzar o produto mariñán.

O evento serviu como previa á que será a 39ª edición da tradicional desta feira e que se presentará oficialmente o vindeiro luns.

Centos de persoas achegáronse este xoves ata o centro da cidade para degustar distintas elaboracións realizadas con este peixe, emblema de Burela, e da man de recoñecidos chefs lucenses. Entre eles, destacaron as propostas do restaurante Cachivaches, o Hotel OCA e Farabutto, que ofreceron receitas innovadoras fusionando tradición e creatividade.

Durante a xornada, tres chefs da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo ofreceron un showcooking en directo no que prepararon 300 degustacións co bonito como protagonista. Entre as creacións, sobresaíron o ‘Rock and Roll de bonito picante con pak choi e sésamo’ de Alejandro Méndez (Cachivaches), o ‘Bonito curado con aguachile de pementos de Mougán’ de Pablo Vila (Hotel OCA), e o ‘Bonito en escabeche con crema de aguacate, kikos e menta fresca’ de Juan Rubiños (Farabutto).

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Burela e deputada de Economía, Carmela López Moreno, tamén participaron no acto, acompañados por representantes da asociación Ledicia, organizadora da feira, a Fundación Expomar, a Confraría de Pescadores e a asociación de armadores de Burela. Recibiron explicacións das distintas elaboracións e tamén degustaron o tres variables.

Os organizadores deste evento destacan que se aproveitou este “petisco da feira” para elaborar aqueles pratos que non se poden facer durante a feira en Burela, “pola súa complexidade ou polas necesidades gastronómicas que supón este prato”, e porque queren pór en valor as múltiples opcións que ten o bonito na gastronomía.

Durante a sesión, Tomé subliñou o compromiso do organismo provincial cos produtos locais e a economía vinculada ao mar asegundo que “apoiar o bonito de Burela é apostar polo futuro da Mariña, das súas familias e da súa actividade pesqueira, que é un dos seus alicerces económicos”.

Pola súa banda, a rexedora burelense destacou que o bonito “non é só un produto” para a localidade, senón que tamén “é tradición, é historia, é identidade. A Feira do Bonito é moito máis que unha cita gastronómica, é unha celebración do que somos como pobo”. Ademais, animou a visitar Burela non só durante a feira, senón ao longo de todo o verán para gozar do bonito en plena tempada.

O presidente da Deputación tamén aproveitou a ocasión para pór en valor o potencial do sector gastronómico lucense, impulsado por unha nova xeración de profesionais que combina innovación, produto local e arraigamento cultural. “A cociña lucense está a vivir un gran momento, xera emprego e proxecta unha imaxe positiva da nosa provincia”, sinalou Tomé.

Un avance da feira A Feira do Bonito de Burela, un dos eventos gastronómicos máis destacados de Galicia, arrincará o sábado 2 de agosto co III Encontro de Alfombrismo e Arte Efémera ás 10.30 h. Ao mediodía, celebrarase o acto institucional de recepción de autoridades e izado da bandeira azul no barco museo Reina da Carmen, seguido do pregón a cargo de Juan Carlos Enríquez Casas. Durante todo o día poderase degustar bonito cocido, asado á grella e en empanada. A xornada concluirá con concertos e sesión DJ a partir das 20.30 h.

O domingo 4 de agosto, a carpa volverá abrir ás 13.30 h para ofrecer novas elaboracións, como ‘petiscos de enfariñada’ de Trabada con bonito e unha ración de marmitako.

A programación complétase con actividades paralelas como o VII Torneo de Fútbol de Veteranos no campo A Marosa e un torneo de baloncesto 3×3 na Praza da Mariña, reforzando así o carácter festivo, deportivo e popular deste evento que une tradición, mar e gastronomía.

ÚLTIMAS

Seis persoas están observación no HULA tras intoxicarse con deterxente nunha pulpería durante o San Froilán

Seis persoas foron trasladadas ao Hospital Lucus Augusti (HULA) tras intoxicarse cun café contaminado...

Evacuada en helicóptero unha peregrina ferida tras caer da bici na LU-633, en Pedrafita

Unha peregrina necesitou ser evacuada en helicóptero este sábado ao resultar ferida tras sufrir...

A Deputación de Lugo  mellorou máis de 35 quilómetros da LU-P-1611 desde o 2020

As obras do cinto comarcal, a LU-P-1611, á altura do concello do Corgo, xa...

A UE admite a trámite a solicitude de Lugo Monumental para revisar a xestión de peonalización do centro histórico

A Unión Europea admitiu a trámite a solicitude presentada pola Asociación Lugo Monumental para revisar a...