InicioLugo e contornaLugoO Arde Lucus ofrecerá este ano máis de 320 actividades do 12...

O Arde Lucus ofrecerá este ano máis de 320 actividades do 12 ao 15 de xuño

A programación que se desenvolverá este ano, que volve cinguirse ás tardes do xoves e venres e ás xornadas completas de sábado e domingo, contará con "numerosas novidades" que, como explicou o mandatario, "están máis encamiñadas aos mozos e aos nenos para espertar neles espírito de pertenza a esta festa".

PUBLICADA O

- Advertisement -

Lugo prepárase para o Arde Lucus, a que é por terceiro ano consecutivo festa de Interese Turístico Internacional, que se celebrará entre os próximos días 12 e 15 de xuño. Serán máis de 320 actividades as que comporán un programa de actos que, como todos os anos, desenvolverase por distintos puntos da cidade.

O alcalde, Miguel Fernández, o concelleiro de área, Jorge Bustos, e numerosos representantes das asociacións de recreación histórica participaron este martes na presentación, que se desenvolveu na praza da Mosqueira, un dos escenarios destacados da festa e no que se avanzou o contido de “un programa excepcional, inclusivo e innovador”.

A programación que se desenvolverá este ano, que volve cinguirse ás tardes do xoves e venres e ás xornadas completas de sábado e domingo, contará con “numerosas novidades” que, como explicou o mandatario, “están máis encamiñadas aos mozos e aos nenos para espertar neles espírito de pertenza a esta festa”.

“Nas últimas edicións do Arde Lucus un dos principais obxectivos á hora de elaborar o programa era incorporar actividades cada vez máis participativas e coas que garantir a substitución xeracional da festa”, explicou Bustos.

Neste sentido, referiuse ao desenvolvemento do ‘Miúdo Arde’, que desde este ano se desenvolverá na praza da Soidade, “nun espazo único e reservado aos nenos e nenas”, así como á nova sesión de teatro infantil, prevista para a tarde do domingo na praza de Santa María.

Tamén haberá novidades para a mocidade, como os ‘Ritos en honra a Baco’ o venres de 23.00 a 02.00 horas ao fondo da Praza de Santo Domingo, nos que a caracterización “debería ser obrigatoria”.

Na descrición do programa tamén destacaron a celebración de segundas edicións de actividades, “que o ano pasado lograron un éxito de público importante”. Este é o caso do inicio da festa coas intervencións do druída e de César Augusti na praza Maior e novidades como o espectáculo ‘Misión Salvar a Roma’, en colaboración co Club de Esgrima de Lugo, “máis orientado á xente nova” ou a celebración das segundas edicións dos ‘Xogos Panhelénicos’.

As actividades deportivas tamén terán o seu oco no programa deste ano, “con gran aceptación entre a xente nova e que contará coa participación e implicación dos clubs deportivos da cidade”, explicou Jorge Bustos.

Entre outras, sinalou como novidade a actividade infantil Misión Salvar a Roma’, os ‘Xogos Panhelénicos’ con carreira, salto, lanzamento de xavelina, lanzamento de disco e loita, na chaira do pavillón municipal; os xogos olímpicos na Palestra do Arde Lucus, o venres na Praza do Ferrol; ou tamén a recuperación da carreira nocturna, o venres ás doce da noite, polo adarve da Muralla.

Neste sentido, o alcalde agradeceu “o grao de implicación dos sectores produtivos e da veciñanza que distingue ao Arde Lucus e logra que cada ano a cidade teña máis complicidade coa festa”.

Miguel Fernández eloxiou tamén labor da traballadores da área de Mocidade, “que levan meses planificando e organizando as actividades desta festa”, da que destacou a súa “faceta participativa e a súa capacidade para seguir crecendo”.

Precisamente, o alcalde referiuse tamén ao “grao de implicación de toda a sociedade lucense; dos centos de nenos e nenas, desfilando polas rúas da cidade, animados polos centros de ensino; das asociacións de recreación histórica tanto de Lugo como doutros lugares, xa que este ano chegarán once colectivos doutras comunidades españolas e tamén de Portugal; da complicidade dos sectores cultural, social, comercial e deportivo e da participación de milleiros de visitantes de España e de fóra das nosas fronteiras”.

Todo iso, explicou Fernández, “converten ao Arde Lucus nun referente internacional das festas de recreación histórica e nun dos motores da cidade, que cada ano chega para reforzar o orgullo pola nosa identidade”.

+ posts

ÚLTIMAS

O PP de Lugo acusa ao BNG de “desgoberno” nas contas municipais no anterior goberno local

O goberno municipal de Lugo elevou este martes o ton da confrontación política cos...

Detido un home por insultar e golpear a un axente da Policía Local de Lugo

Segundo informa a Policía Local nun comunicado, os axentes atopábanse de patrulla cando foron...

Lugo reactiva tras case cinco anos a Mesa Local de Comercio para impulsar novas medidas de apoio ao sector

O Concello de Lugo reactivou este martes a Mesa Local de Comercio despois de...

O único xulgado polo incendio mortal en Tableros Hispanos de Nadela nega a súa responsabilidade no sinistro

O xuízo polo incendio mortal rexistrado en 2019 na planta de Tableros Hispanos de...