InicioSociedadeA XXI Feira Medieval de Monforte xa está aquí

A XXI Feira Medieval de Monforte xa está aquí

Celebrarase esta fin de semana, 19 e 20 de abril, cunha espectacular programación e máis postos e paradas que nunca.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Ademais dos atractivos doutras edicións, como son os numerosos postos e paradas que haberá por toda a zona vella, as Xustas Medievais, a Cetrería ou os Campamentos Medievais –un deles infantil–, este ano contarase cun Gran Dragón, o espectáculo ‘Errantes’ –con seres chegados do outro mundo–, e un concerto do grupo medieval Grimorium.

A cidade de Monforte amosa xa, coa decoración de rúas, unha expectación previa que convida a pasar unha fin de semana por todo o alto. Quen se vista de época poderá lucir estes dous días, 19 e 20 de abril, as súas vestimentas e integrarse no ambiente medieval, e tanto estes como o resto poderán mercar unha chea de cousas, participar en actividades e gozar dunha chea de espectáculos, a maioría ubicados na zona histórica. Así, a Praza España, a Praza de Abastos e o barrio xudeu subindo ata a Torre do Homenaxe converteranse no centro neurálxico da cita.

Ambiente e animación na Feira Medieval de Monforte (arquivo). Foto: XdL.

PROGRAMA DA XXI FEIRA MEDIEVAL

SÁBADO 19

Ás 12:00 h. terá lugar a Saúda do Alcalde para declarar aberta a Feira Medieval de 2025 de Monforte acompañado duns pregoeiros que desenvolverán un espectáculo no que informarán aos presentes do que acontecerá a fin de semana na cidade de Monforte. A continuación, haberá unha salva de artillería, cunha réplica dunha bombarda do século XIV, para dar inicio oficial á Feira.

No que respecta ás actividades, comentar que non podían faltar as clásicas e centrais do evento. Neste senso, as que teñen xa o seu espazo fixo: Campamento Medieval da Praza de España, Campamento infantil Medieval xunto ao Convento das Nais Clarisas, Espectáculo de aves de rapiña e cetrería na Praza de San Antonio, Xustas medievais e Gran Torneo Medieval no patio do Colexio dos Padres Escolapios.

Tamén haberá, como é costume, moitas actividades de rúa, musicais e de animación, e os espectáculos nocturnos ideados para a Praza Luis de Góngora e para o Campo de San Antonio.

Como novidades este ano para a XXI edición da Feira Medieval, poderase gozar dos seguintes espectáculos:

O GRAN DRAGÓN (que aparece frecuentemente na mitoloxía europea e que son frecuentes nas historias e lendas medievais). Sairá da praza de España polas rúas da Feira, o sábado e o domingo ás 20:00 h.

ERRANTES. Un pasarrúas de noite con orcos, trolls e alimañas… seres saídos da escuridade dos tempos que peregrinan eternamente transportando no seu carro a maior das súas demencias.

-Concerto medieval con Grimonium o sábado ás 20:45 h. na Praza de España.

Como remate á xornada do sábado, ás 21:30 h. na Praza Luis de Góngora terá lugar o espectáculo LÚA, un espectáculo audiovisual e musical de Tamara Pérez que descenderá en grúa dende as alturas creando unha atmósfera de maxia coa súa voz e a danza que interpreta, previa á tirada de fogos de artificio. Logo do espectáculo soltaranse os faroliños que encherán de luz o ceo de Monforte.

DOMINGO 20

Para esta xornada, dende as 10:30 h. e ata as 19:30 h. haberá actuacións musicais e de animación de rúa con 7 grupos, manteranse os Campamentos Medievais, o da Praza de España e o Infantil na Praza das Nais Clarisas, e os espectáculos de cetrería na Praza San Antonio.

Como grandes espectáculos lembrar que nesta xornada tamén aparecerá O GRAN DRAGÓN, que desfilará dende a praza de España polas rúas da Feira ás 8 da tarde; e SUAREN BATAILA, un espectáculo de teatralización, malabares, pirotecnia e lume que actuará na Praza de S. Antonio ás 21:00 horas.

José Tomé, Alcalde de Monforte de Lemos, lembra que “hai motivos dabondo para visitar Monforte, así que os días 19 e 20 de abril esperamos que todos os monfortinos se impliquen na celebración da Feira Medieval e tamén esperamos que sexan moitas as persoas que nos visiten dende o resto de Galicia e do resto do Estado, aos que convidamos a compartir con nós este evento que chega ás 21 edicións ininterrompidas”.

O programa ao detalle pode consultarse e descargar na páxina web do Concello de Monforte de Lemos.

ÚLTIMAS

Acepta 10 anos de prisión por dúas violacións, pero só cumprirá seis meses antes de ser expulsado do país

Un home de nacionalidade colombiana confesou este xoves na Audiencia Provincial de Lugo ser...

Detido en Lugo por apuñalar a outro home tras unha discusión na rúa

A Policía Local de Lugo detivo a un home por apuñalar cunha navalla a...

Toma posesión a nova presidenta da Audiencia Provincial de Lugo

A maxistrada Sandra María Piñeiro Vilas tomou este xoves posesión como presidenta da Audiencia...

A Policía detén dous homes por presunta violencia machista en dous días consecutivos

A Policía Local de Lugo detivo o domingo e o luns a dous homes...