O primeiro pleno ordinario presidido por Miguel Fernández tras o cambio de Goberno sacou adiante os orzamentos da cidade, que quedaron pendentes de aprobación debido ao falecemento de Paula Alvarellos.
As contas teñen un montante total de 121,1 millóns de euros e tal e como avanzasen durante a presentación das mesmas, a metade dos fondos irán para servizos de protección social e o 7,51 para investimentos reais.
Así, este xoves, finalmente quedaron rubricados, cos votos en contra do Partido Popular. Ademais, leuse unha declaración institucional polo 8M, que fora aprazada tamén pola mesma circunstancia. Para o nacionalista Rubén Arroxo e para o novo alcalde, esta era unha das tarefas máis urxentes, polo que foi o primeiro en tratarse tras a volta á normalidade institucional.
“Esta aprobación permitiranos seguir avanzando nos proxectos previstos para o desenvolvemento da cidade”, explicou Arroxo, que destacou entre os proxectos previstos nas contas a transformación do Carril das Flores e da entrada do Camiño Primitivo no centro histórico, “que se peonalizará e converterase nun espazo máis acolledor”. Este proxecto inclúe a supresión do túnel existente, mellorando significativamente a contorna patrimonial da cidade.
Así mesmo, os nacionalistas reivindicou que os orzamentos inclúen partidas importantes para repavimentar as rúas de Lugo e construír unha rotonda no cruzamento entre a Rolda Fingoi e Alfonso X, “o que mellorará a circulación na zona da cidade”, así como partidas importantes para as festas do San Froilán e a actividade cultural, incluíndo a programación do Auditorio Fuxan vos Ventos.
Tamén avanzou Arroxo que o Carril dos Loureiros está moi avanzado e que está previsto que finalicen as obras en pouco máis dun mes. Pola súa banda, a que comezará será a peonalización da rúa da Milagrosa.
CRÍTICAS DO PP
Durante o debate sobre este punto, o Partido Popular, a través do seu portavoz, Elena Candia, lembrou que o seu partido decidiu non presentar proposicións, preguntas e rogos para facilitar a reorganización do goberno local como “unha mostra de respecto”, pero que esperaban unha resposta similar por parte do novo alcalde.
“Estes orzamentos supoñen pedir un importante esforzo aos lucenses de hoxe, xa que supuxo unha subida de impostos e tamén suporá un esforzo aos lucenses de mañá porque o goberno local está pendente da contratación dun novo crédito”, puntualizou a popular.
ENCONTRO ALCALDE-PP SOBRE APERTURA APARCADOIROS
O novo alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a portavoz do PP, Elena Candia, mantiveron este xoves un encontro informal, tal e como solicitara a popular hai varios días. Segundo indicaron desde o Concello, na reunión tratáronse catro temas que xeraron varios debates nas últimas semanas.
Así, a apertura dos aparcadoiros dos institutos da avenida de Ramón Ferreiro foi un dos puntos principais tratados. O alcalde reiterou á portavoz do PP que a firma do convenio entre as dúas entidades non é necesaria para que se abran ao uso público, aínda que matizou que se está traballando na súa redacción. Fernández pediulle que interceda ante o delegado da Xunta, Javier Arias, para que se abran canto antes, “tal e como demanda a cidadanía”.