InicioLugo e contornaLugoDiferenzas no goberno de Lugo ante a distinción de Rafael de Vega...

Diferenzas no goberno de Lugo ante a distinción de Rafael de Vega e Xesús Alonso Montero como fillos adoptivos

O Partido Popular manifestou o seu apoio a ambos os nomeamentos "en recoñecemento ás súas destacadas traxectorias e á súa contribución á sociedade lucense e galega"

PUBLICADA O

- Advertisement -

A proposta da alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, de que Xesús Alonso Montero e Rafael de Vega sexan recoñecidos como Fillos Adoptivos da cidade, non foi ben acollida polos socios de Goberno.

O obxectivo é “recoñecer o legado de ambos no campo da sanidade e da educación, dous servizos públicos esenciais para a igualdade e o benestar da cidadanía”.

Así, de Xesús Alonso Montero recoñecen “o seu papel crave na formación de xeracións de estudantes e na defensa da lingua galega”, xa que exerceu como profesor no IES Lucus Augusti e na Escola de Maxisterio entre 1960 e 1975, converténdose nun referente intelectual e académico en Lugo.

Nesta proposta, que chega dun grupo de exalumnos, compañeiros, camaradas e veciños de Lugo, recoñécese o seu labor para impulsar estudos crave sobre figuras da literatura galega. Ocupou a cátedra de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017.

Pola súa banda, a proposta de Rafael de Vega xorde da propia alcaldesa “por ser un pioneiro na modernización da sanidade lucense e un firme defensor do dereito universal á saúde”.

Rafael de Veiga foi director do Hospital Municipal de Lugo, onde traballou para mellorar as condicións da asistencia sanitaria e loitou pola creación dun novo hospital. Ademais do seu labor como médico, foi deputado nas Cortes republicanas, comprometéndose coa mellora dos servizos públicos e coa defensa da igualdade no acceso á sanidade. En 1936 foi asasinado polos sublevados franquistas nun acto de represión política.

O BNG REXEITA O NOMEAMENTO DE ALONSO MONTERO

Tras coñecerse esta proposta, o grupo municipal do BNG afirmou que está de acordo co nomeamento do doutor Rafael de Veiga, como “un recoñecemento máis a unha persoa que sufriu a persecución por razóns políticas e ideolóxicas durante a guerra civil”.

Así, os nacionalistas sitúano “como un claro exemplo da represión e da necesidade de manter viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais”.

Pola contra, non apoiará o nomeamento de Xesús Alonso Montero, ao considerar que se trata “dunha figura que non crea consenso entre os lucenses despois dos seus posicionamentos polémicos en diferentes temas”.

Así mesmo, o BNG aproveitou para requirir máis equidade nestes recoñecementos honoríficos, garantindo a presenza de mulleres. Actualmente, o Concello de Lugo recoñece a máis dunha vintena de Fillos Adoptivos, Preclaros e Predilectos da Cidade de Lugo, “entre os que non se atopa ningunha muller”. O último en recibir un recoñecemento deste tipo foi Blas Lourés, en 2008.

O PP APOIA AMBAS AS DISTINCIÓNS

Doutra banda, o Partido Popular manifestou o seu apoio a ambos os nomeamentos “en recoñecemento ás súas destacadas traxectorias e á súa contribución á sociedade lucense e galega”.

Neste sentido, a portavoz popular, Elena Candia, explicou que, “convencida dos valores da liberdade e da democracia”, sempre apoiarán o traballo “de homes e mulleres comprometidos e comprometidas con Lugo”.

“Sen dúbida, a súa achega intelectual, a súa calidade humana, a súa vocación de servizo público así como o seu compromiso coa cidade de Lugo fanos merecedores deste recoñecemento”, reivindicou.

ÚLTIMAS

Novas obras no viaduto do Castro provocarán afectacións ao tráfico a partir deste luns

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable inicia este luns os traballos para impermeabilizar o...

A XXI Feira Medieval de Monforte xa está aquí

Ademais dos atractivos doutras edicións, como son os numerosos postos e paradas que haberá...

Falta de pediatras na Fonsagrada, Baleira e Castroverde

A asociación de consumidores Facua en Galicia dirixiuse ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para denunciar a "falta...

Unha talla de madeira provoca graves impactos en mámoas de Lugo

As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia perante a Dirección...