O número 11.840 resultou agraciado co terceiro premio do Sorteo Extraordinario de Lotaría de Nadal, dotado con 500.000 euros á serie. En Galicia deixou 3,7 millóns de euros, ao venderse en nove localidades diferentes. O número cantouse ás 09.49 horas no terceiro arame da segunda táboa e caeu en Lugo, Ferrol, Viveiro, O Grove, Vigo, Meira, Noia, Cortegada e O Porriño.
O groso deste Terceiro Premio en Galicia tocou nun estanco da cidade de Lugo, situado no número 492 da Avenida da Coruña. Vendeu 25 décimos, o que significa que tocaron 1,25 millóns de euros. A propietaria do estanco confirmou que os 25 décimos foron vendidos por máquina. En declaracións a Europa Press, a administradora deste negocio, María Luisa Cobas Vigo, confesouse “moi contenta” porque tan só é o segundo ano que este estanco vende Lotaría de Nadal e xa repartiu un terceiro premio.
Non é consciente polo momento de ningún dos afortunados porque ao ser un estanco, o negocio permanece pechado este domingo, pero cre que se trata de 25 décimos comprados por persoas “coñecidas” para repartir nas súas empresas, dado o elevado volume de boletos. É tanto o seu optimismo que esta administradora de estanco, que anteriormente tiña unha libraría, mesmo apela a esperar ao Gordo, porque confía en que “o número da casa, o 05.294” co que xogan “moitos veciños”, sexa o agraciado. Polo momento, do terceiro premio que si está amarrado confesa que non quedou con ningún décimo.
Tamén o propietario da administración 14 do lucense centro comercial As Termas, Eduardo Otero, mostrouse “moi contento” porqueo seu establecemento se estree na repartición de grandes premios, coa venda de dous décimos dun dos terceiros e un décimo dun dos cuartos premios. En declaracións a Europa Press, Eduardo Otero celebra que esta administración, que leva aberta desde a apertura do centro comercial en 2005 e que el rexenta desde hai 13 anos, se estree “no podio dos premios”. En canto aos premiados, confesa que non ten “nin idea” porque os décimos foron vendidos por máquina, pero que leva “toda a mañá” recibindo a xente “interesándose” polo devir do sorteo, aínda que ningún dos premiados se deixou ver polo momento.
O QUINTO PREMIO, 37.876, VENDEU DEZ DÉCIMOS EN LUGO
O número 37.876, agraciado cun doS oito quintos premios do Sorteo Extraordinario de Lotaría de Nadal, dotado con 60.000 euros á serie, vendeuse en Lugo. O número foi o primeiro dos grandes premios en ser cantado, xa que saíu ás 09.16 horas no segundo arame da primeira táboa. En Lugo, a administración de Lotaría de Galerías Villamor, en Praza Santo Domingo, vendeu unha serie, é dicir, dez décimos. Por tanto, en total tocaron 60.000 euros na cidade.