InicioSociedadeO servizo de teleasistencia, máis aló das emerxencias: "Fai un acompañamento e...

O servizo de teleasistencia, máis aló das emerxencias: “Fai un acompañamento e seguimento”

Falamos con Iria Lamazares, educadora social da Deputación de Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

Vivir sen compañía adoita ser algo común en moitas persoas maiores, que se atopan máis seguras no fogar grazas á teleasistencia. Un servizo que ofrece a Deputación de Lugo e que no 2023 atendeu a 1766 persoas usuarias, das cales 120 viven completamente soas e 546 acompañadas. “É un servizo que se lles dá as persoas usuarias para ter a posibilidade de seguir no seu domicilio, sentíndose máis seguras, protexidas e acompañadas”, afirma Iria Lamazares, traballadora social da Deputación. 

Por concellos, o de Monforte de Lemos é o que máis beneficiarios do servizo ten, seguido de Ribadeo, Vilalba e Viveiro. Pero en que consiste? O servizo presenta un formato de botón para premer, principalmente e inicialmente, en caso de emerxencia. Ten varias modalidades, segundo explica a educadora social: “A gran maioría optan porque o dispositivo, de premer en colgante ou pulseira, vaia a un teléfono fixo, xa que moita é xente do rural con ese sistema. Cada persoa escolle como prefire o botón e tamén existe agora a modalidade co teléfono móbil, a través dunha caixa de voz que vai ao mesmo”. 

Fai fincapé en que máis aló de ter ese botón para premer, o servizo de teleasistencia tamén se encarga de ter un contacto frecuente cos usuarios. “O centro tamén fai un acompañamento e en caso de accidente ou necesidade, actívase o protocolo”, comenta. O primeiro paso é tentar corroborar a causa pola que o usuario premeu o botón. Así, contactan cos familiares ou persoas de referencia do expediente, xa que non poden “mobilizar recursos sen saber se hai unha necesidade como tal”. Unha vez se comproba que, efectivamente, precisa de axuda, xa se mobilizan “inmediatamente os medios”. 

OS MOTIVOS PARA PREMER O BOTÓN

Segundo os datos co que conta este servizo de teleasistencia da Deputación de Lugo, no ano 2023, máis das tres cuartas partes dos usuarios superan os 80 anos. Así, o intervalo de 86 a 90 é o tramo máis relevante cun 32,11% do total. Atendéronse un total de 15.799 comunicacións entrantes, con diferentes motivos: emerxencias (2,90%), falar, saudar, petición de información ou comunicación de datos (84%) ou por erro (8,07%).

A maior parte son chamadas de información e seguemento (93,69%), son as emitidas por operadores desde o centro de atención co fin de realizar un seguemento periódico dos usuarios, recordatorio de medicación, seguemento, logo de emerxencia… “Xeralmente o maior número das pulsacións son para falar con alguén ou por erro, non tanto por emerxencia, que tamén se dan e para iso é o servizo”, sinala, xa que un 6,31% do total de chamadas foron de mobilización de recursos ante unha situación de emerxencia. 

O contacto, segundo expresa a educadora social, sempre é do servizo coa persoa usuaria, principalmente. “Hai moitos que chaman para expresar que están contentos e outros que apenas o fan, pero existe un acompañamento”, comenta. Como outro dato, no 2023, houbo 263 baixas, sendo a causa máis frecuente o falecemento da persoa, como en anos anteriores; seguido dun ingreso en residencia; ou o traslado a vivir con familiares, que presenta un aumento de casos. 

O servizo pode ser solicitado por aquelas persoas que se atopan empadroadas en concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Lugo e teñan unha situación de necesidade, vulnerabilidade ou risco por razón social ou sanitaria. Os requisitos e como solicitalo están recollidos na web da Deputación. 

ÚLTIMAS

Obras de rehabilitación en ligazóns da A-6 e A-8 en Begonte provocarán cortes de circulación durante tres semanas

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable inicia este xoves, 21 de novembro, as obras...

Un lucense gaña 2,6 millóns co Eurojackpot da ONCE

Un veciño da provincia de Lugo gañou 2,6 millóns de euros co Eurojackpot do...

Detidos en Lugo dous homes e unha muller por tráfico de drogas nas proximidades de colexios

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Lugo detiveron a dous homes e unha muller como...

O ministro Puente promete que o segundo viaduto do Castro estará listo “antes de final de ano”

O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, asegurou este martes no Senado...