Unións Agrarias (UUAA) suspendeu a mobilización deste venres en Lugo, diante da delegación da Xunta, despois de que a Consellería do Medio Rural convocase aos viticultores da Ribeira Sacra a unha reunión.
Nun comunicado, UUAA valorou que a Consellería “empece a dar pasos” e confirmou que asistirán á reunión. Con todo, advertiu de que “non dubidará” en volver á protesta no caso de que a oferta da Consellería “non cubra” as necesidades dos viticultores.
“Os produtores necesitan que se garanta a vendima polo que reclama que ademais de mellorar as axudas, débese de actuar coas adegas para facilitarlles a liberación de stocks, do mesmo xeito que fixeron durante a pandemia”, detallou UUAA no comunicado.
Pola súa banda, fontes de Medio Rural consultadas por Europa Press ratificaron a convocatoria e detallaron que será unha reunión de traballo, desde o punto de vista técnico.