InicioSociedadeA irmá da muller asasinada en 2016 polo "mal funcionamento" da Casa...

A irmá da muller asasinada en 2016 polo “mal funcionamento” da Casa da Muller de Lugo recorrerá ao TSXG

Tras ser desestimada esta semana a súa demanda contra o Concello de Lugo polo Xulgado do Contencioso-Administrativo.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Martina Gómez Nieto, irmá da muller asasinada polo seu esposo no municipio de Becerreá en febreiro de 2016 tras solicitar asistencia por violencia de xénero á Casa da Muller de Lugo, interporá un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tras ser desestimada esta semana a súa demanda contra o Concello de Lugo polo Xulgado do Contencioso-Administrativo.

Así o anunciou este xoves, nunha rolda de prensa convocada pola Plataforma Feminista de Lugo no salón de actos do edificio sindical, a propia Martina, que denunciou a existencia de “contradicións” nos testemuños ofrecidos durante o xuízo polos responsables da Casa da Muller, servizo dependente do Concello de Lugo.

“É unha realidade que o Concello de Lugo non asumirá responsabilidades con esta sentenza. É por iso que vou recorrer ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”, comezou dicindo Martina Gómez Nieto, para acto seguido acusar novamente á Casa da Muller de cometer “un erro de xestión” en 2016 ao “non atender adecuadamente”, puntualizou, “a unha muller que implorou axuda ao devandito organismo e acabou asasinada a mans da súa parella”.

A rolda de prensa convocada pola Plataforma Feminista tivo lugar tan só tres días despois de que o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo desestimase o luns a demanda presentada pola muller contra o Concello da cidade polo “anormal funcionamento” do servizo ao entender que non quedaba acreditado “quebrantamento de protocolo algún” polo feito de que a asistente social “non presentase denuncia de oficio”.

“Esta sentenza evidencia o desamparo, a non reparación e a perda de dereitos das vítimas de Violencia de Xénero. Esta resolución supón unha laxa máis para acceder a unha atención real e eficaz e unha evidencia de que a cobertura institucional, se falla, é cómplice”, manifestou Martina Gómez Nieto, antes de “lembrar” que as mulleres vítimas de violencia “non teñen a obrigación de interpor unha denuncia para pedir axuda”.

“NON TEÑO NADA QUE GAÑAR NIN QUE PERDER”

A irmá da muller asasinada pola súa parella en Becerreá, que achacou ao “desinterese” do Concello o feito de que a praza de psicólogo da Casa da Muller leve cubrindo “a tempo parcial desde hai dous anos”, lamentou a “sentenza desfavorable” do Contencioso-Administrativo pero advertiu de que seguirá loitando para que se “emenden as deficiencias” do servizo de asistencia a mulleres vítimas de violencia.

“O fallo non me colleu por sorpresa porque mentiron e contradixéronse moito no xuízo, pero esta sentenza supón un retroceso bestial porque non van pór remedio ao funcionamento da Casa da Muller e están impunes”, valorou. O recurso que presentará ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia é só un paso máis, explicou Martina Gómez Nieto, na súa cruzada por facer xustiza tras “oito anos de loita”. “Eu non teño nada que gañar nin que perder”, finalizou. Nunha liña moi similar manifestouse a portavoz da Plataforma Feminista de Lugo, Ana Torrón, presente tamén no acto, que cualificou o proceso xudicial encabezado por Martina como “unha carreira de fondo” semellante, dixo, á loita de “David contra Goliat”.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...