A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que depende da Consellería de Medio Rural, celebrará na Asociación de Empresarios Sete Pontes, en Vilalba, unha acción de formación profesional e adquisición de competencias sobre a análise sensorial dos queixos galegos distinguidos con denominación de orixe protexida.
O taller impartirase os días 5 e 7 de setembro en horario de tarde, desde as 16,00 ata as 21,00 horas. O programa deste curso aborda unha serie de nocións teóricas e prácticas sobre os queixos galegos e a súa elaboración, así como a análise do produto final.
Esta iniciativa está dirixida á mocidade do medio rural galego, así como a persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.
A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, a través de formación non regulada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende proporcionar aos alumnos do taller coñecementos para profundar no produto e nas súas características distintivas e peculiaridades, ademais das regulacións propias de cada denominación. O alumnado fará tamén unha cata de queixos para pór en práctica os coñecementos adquiridos de identificación.