InicioSociedade"As árbores melloran moito o espazo público das cidades e a calidade...

“As árbores melloran moito o espazo público das cidades e a calidade de vida das persoas”

O arquitecto lucense Iago Lestegás propón un modelo de cidade que fuxa das "explanadas de cemento" e que aposte pola "rehabilitación e recuperación" dos barrios xa existentes.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Iago Lestegás Tizón (Lugo, 1987) é arquitecto e doutor en Urbanismo. Por gusto e por deformación profesional, mira a cidade con ollos críticos e repara nas carencias, potencialidades e puntos fortes das rúas e prazas de Lugo. Confesa, case contrariado consigo mesmo, que ten unha visión un tanto pesimista sobre as actuais dinámicas de construción de espazos públicos, pero detras dunha crítica fundamentada axiña enfía unha proposta de mellora. “En Lugo falta criterio no tema urbanístico“, di, “e iso é común a outras cidades”.

Lestegás fala das “rúas e prazas herdadas” —a praza Maior, a de Santa María…— como lugares que, ben pola súa arquitectura ou ben pola presenza de verde, resultan agradables e convidan a ser ocupadas. Contraponas con esoutros espazos de máis recente creación: “explanadas abertas feitas de pedra ou cemento, moitas veces sen árbores e con bancos mal situados”.

CREAR “ESPAZOS NOS QUE ESTAR”

A Horta do Seminario é, se cadra, o exemplo máis evidente desta “hostilidade”. Nesa mesma banda da cidade, menciona tamén a rúa Soto Freire ou a futura praza proxectada na actual localización da estación de autobuses. “Acaban sendo lugares de paso, non sitios nos que estar. Só os atravesamos para ir dun punto A a outro punto B”, lamenta, para volver insistir na importancia das árbores como elemento indispensable e que mesmo favorecería a saúde física e mental dos cidadáns. “As árbores melloran moito o espazo público das cidades e a calidade de vida das persoas”, afirma.

Acórdaselle na conversa un detalle que apreciou mentres agardaba por alguén na praza de Ferrol. “En media hora que estiven alí, vin unha ducia de persoas que pararon a sacarlle unha foto á cerdeira xaponesa diante do cuartel de San Fernando. Á xente gústalle que haxa árbores na cidade, valoramos eses detalles. Non hai máis que ver cales son os espazos nos que máis estamos, nos que quedamos coa xente, nos que tomamos algo…”, explica.

Praza Maior de Lugo | LX

“O EDIFICIO MÁIS ECOLÓXICO É O QUE NON SE CONSTRÚE”

Se cadra a pandemia e o confinamento axudaron a formar unha crecente consciencia sobre a habitabilidade dos espazos, “tanto interiores como exteriores”, precisa Iago Lestegás, que considera “interesantes” intervencións como a da peonalización da Rolda da Muralla. Hai outras, en cambio, que o levan a afondar nesa percepción de “falta de criterio”. Ocórrelle, por exemplo, co chamado barrio multiecolóxico da Garaballa.

“Nunha cidade con tanta vivenda baleira e con barrios tan necesitados de intervención, sería mellor rehabilitar e recuperar o que xa temos. O edificio máis ecolóxico é o que non se constrúe”, subliña. Máis alá das reticencias que lle suscitan as etiquetas que se lle colgan a este proxecto (sostible, biodinámico, multiecolóxico…), Lestegás prefire poñer o foco na necesidade de mellorar a vida da veciñanza dos barrios xa existentes na “cidade consolidada”.

A conversa con este arquitecto tamén se expande fóra dos lindes urbanos. A conto do “escaso parque de vivenda en alugueiro”, Lestegás incide en que esta insuficiencia é aínda maior nas zonas rurais. “Se o teletraballo se mantivese, facilitaría certa volta ao rural. Sobre todo posibilitaría que moita xente non tivese que marchar”, considera, pero recalca que non abonda con iso. Faltan vivendas accesibles para a xente moza; faltan “servizos e emprego para facer viable a vida” nese contexto, conclúe.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...