InicioLugo e contornaLugoVolven pedir dilixencias antes do xuízo contra a nai acusada de matar...

Volven pedir dilixencias antes do xuízo contra a nai acusada de matar a súa filla en Muimenta

A Fundación Amigos de Galicia reclama que se lle dea traslado das probas psicométricas e das análises dos dispositivos móbiles.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Fundación Amigos de Galicia (FAG) volveu reclamar a práctica de dilixencias antes da celebración do xuízo contra a nai acusada de asfixiar a súa filla en Muimenta, en Cospeito en maio de 2019. A organización presentou recurso de apelación para solicitar novamente esas dilixencias.

A entidade, personada neste procedemento como acusación popular, solicita, entre outras cuestións, que se lle dea traslado das probas psicométricas da acusada, entre elas a que serviu para diagnosticar que padece un trastorno de personalidade de tipo mixto e un trastorno psicótico, que puidesen afectar as súas capacidades.

Esta proba, apuntaron desde a FAG “é unha das máis utilizadas para a avaliación da personalidade e da psicopatoloxía, polo que unha mala interpretación da mesma podería evidenciar un diagnóstico erróneo”. Por iso, a Fundación reclama o seu traslado “e que os forenses do IMELGA, encargados da avaliación pericial sobre o estado psíquico da investigada, aclaren o seu informe”.

O letrado da FAG, Francisco José Lago Calvo, sinalou que no procedemento “parece indiscutible a autoría”, pero non así a posible afectación da capacidade cognitiva e volitiva da acusada, polo que é “esencial” o traslado das probas psicométricas solicitadas.

Por outra banda, reclaman unha dilixencia relacionada coa análise dos teléfonos móbiles e unha tablet da acusada, porque coñecer o contido deses dispositivos “podería esclarecer o sucedido” o día 3 de maio de 2019, cando presuntamente a muller asfixiou A súa filla.

APERTURA DO XUÍZO ORAL

O xulgado de instrución 1 de Vilalba ditou hai unha semana auto de apertura de xuízo oral (o caso será xulgado por un tribunal de xurado) e determinou que a fase de instrución quedaba finalizada, así como a práctica de dilixencias.

Tanto a Fundación Amigos de Galicia, como a Fiscalía e a acusación particular (que exerce o pai da menor) pediron que a nai sexa condenada á pena de prisión permanente revisable.

+ posts

ÚLTIMAS

Falece Olga López Racamonde, edil socialista de Cohesión Social de Lugo

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Olga López Racamonde, faleceu este luns aos...

Activado un aviso amarelo por treboadas en zonas de Lugo

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou o aviso amarelo por treboadas nas provincias...

O PP de Lugo esixe á Deputación a integración dos 16 traballadores de Suplusa tras a sentenza do Supremo

O PP provincial de Lugo esixe á Deputación que "rectifique" e integre aos 16...

O BNG de Lugo inicia o proceso para elixir a súa candidatura ás municipais de 2027

O BNG de Lugo arrinca este luns o seu procedemento interno para designar a...