Ao redor da metade dos 313 concellos galegos –un total de 155– levan sete días sen rexistrar ningún novo caso de covid-19, aínda que realmente a maior parte deses concellos nos que non se diagnosticaron novos casos (119) están situados nas provincias de Lugo e Ourense.
Así o evidencia a información actualizada polas autoridades sanitarias galegas este martes coa incidencia acumulada a sete días, un indicador que ata agora non se fixo público e que ratifica que en torno ao 75% dos concellos de Ourense e Lugo levan sete días sen diagnosticar novos casos.
De feito, en Lugo só se rexistráron casos en 17 dos seus 67 municipios; e en Ourense, en 23 dos seus 92 concellos. En concreto, en Lugo computáronse casos na última semana en Chantada, Guitiriz, Guntín, Lourenzá, Lugo, Meira, A Pobra do Brollón, Ribadeo, Sober, Vilalba, Viveiro, Burela, O Valadouro, O Saviñao, Rábade, Monforte e Mondoñedo.
No caso da provincia da Coruña, menos do 26% dos seus municipios deixaron de computar casos no últimos sete días, mentres que en Pontevedra, só 12 dos seus 61 municipios levan unha semana sen computar novos casos, o que non chega ao 20%.
EN RISCO EXTREMO
No lado contrario están os casos nos que a incidencia é maior nos últimos sete días ata caer no denominado risco extremo, cando se rexistra unha incidencia por encima de 125 casos por cada 100.000 habitantes. En Galicia hai ao redor dunha trintena de municipios nesta situación, a maior parte na provincia da Coruña.