O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a solicitude de rexistro da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia, que amparará os viños producidos na conca do río Navia.
Segundo lembra a Consellería do Medio Rural, a zona delimitada está situada ao noroeste da provincia de Lugo e abarca o municipio de Negueira de Muñiz e varias parroquias dos da Fonsagrada e de Navia de Suarna.
Con esta publicación dáse publicidade ao prego de condicións desta nova IXP, o que supón un primeiro paso de cara á súa inscrición no rexistro europeo. A solicitude publicouse tamén no Boletín Oficial de España (BOE) do pasado día 3 de decembro e, agora, ábrese un prazo, que finaliza o 22 de febreiro, para que calquera que teña a consideración de interesado poida realizar alegacións.
Os trámites para a inscrición desta IXP foron iniciados pola Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia, que representa a un incipiente sector vitivinícola que ten interese en distinguir os seus viños no mercado cun indicativo de calidade.
OS PASOS
Medio Rural explicou que, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos legais, elaborouse o prego de condicións, que establece que esta IXP será aplicable a viños brancos e tintos elaborados exclusivamente con uvas de determinadas variedades, todas elas autóctonas.
A posta en marcha desta denominación facilitará a comercialización das producións da zona e servirá para potenciar outras actividades económicas nese territorio, concretamente as relacionadas cos servizos turísticos.
Unha vez superado o período de alegacións, o expediente será remitido ao Ministerio de Agricultura para o seu envío á Comisión Europea. Alí será analizado e sometido a outro proceso de oposición, este xa a escala da UE, con publicación no Diario Oficial da UE.
Superado este proceso produciríase a inscrición formal no rexistro pero, previamente, unha vez que pase polo trámite a nivel español, pódese activar a denominada “protección nacional transitoria”, mecanismo que permitiría que a IXP se poida usar en España mentres continua o proceso de tramitación a nivel europeo.